CRTVG

Buscar

Galicia promociona en Fitur o Xacobeo 2021

Publicado o 22/01/2020 14:49

É un dos eventos máis importantes do sector turístico a nivel internacional. Nel cítanse 165 países e rexións de todo o mundo e, no medio dos 918 participantes, atopamos a Galicia. Son case 1.000 metros cadrados, un expositor moderno e interactivo onde o visitante pode incluso sentirse peregrino durante o seu percorrido polo Túnel do Camiño. Esta é a aposta da Xunta para promocionar un sector turístico en alza. 

"Ten que ser a gran casa do turismo de Galicia cara o mundo e creo que está moi ben que todas as actividades e todas as administracións e todos os concellos se centralicen aquí neste pavellón, que é o pavellón de todos os galegos e todas as galegas", declarou Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia.

"Por suposto no ano que estamos o Xacobeo é o principal elemento do expositor pero, por suposto, ademais do Xacobeo, Galicia ten moito que ofrecer. Están as catro provincias, están varios concellos, está tamén a especialización en actividades turísticas, en definitiva estamos presentando todo o moito e bo que  ten Galicia en promoción", comentou Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo.

Iconografía galega presente ata nos uniformes, para levar a alma desta terra polo mundo enteiro. Nesta edición búscase superar a cifra do ano pasado, cando pasaron polo expositor máis de 76.000 visitantes.

Noticias web

22/01/2020