CRTVG

Buscar

Galicia pasea á beira dos areais impulsada polo sol e o alixeiramento das restricións

Publicado o 28/02/2021 20:53

Galicia viviu este domingo unha xornada de ceos despexados despois das néboas matinais. Ao sol acompañouno un vento frouxo do nordés e temperaturas de ata 20 graos na provincia de Pontevedra. Estas imaxes pertencen á praia de Samil. Había ganas de exteriores unha vez relaxadas a medidas anticovid−19 e despois de deixar atrás un tren de borrascas en xaneiro e febreiro.

Agora estamos no paseo que une Panxón, en Nigrán, con Baiona. O peche perimetral de cada un destes concellos a que obrigou a terceira vaga da pandemia fixo, ata hai tres días, que os veciños destes municipios limítrofes non puidesen pasar da ponte da Ramallosa, unha fronteira natural entre os dous municipios. Este domingo, por fin, alongáronse as andainas.

Desde o sur, desde esta praia da Ladeira, en Baiona, ata o norte de Galicia repetíronse as imaxes. Ao serán, e estamos en Portosín, o ceo seguía despexado, apto para os camiñantes fartos de interiores e de escaseza de vitamina D. Porque o toque de recollida non afecta ao sol.

Noticias web

28/02/2021