CRTVG

Buscar

Galicia oponse á elección de hospitais para as novas terapias do cancro por parte do Ministerio

Publicado o 08/05/2019 15:52

Xuntanza do Ministerio de Sanidade coas comunidades autónomas no Consello Interterritorial de Saúde. Sobre a mesa estaban as novas terapias avanzadas fronte ao cancro. A ministra defendeu a elección dos hospitais onde se van aplicar. Deixa fóra Galicia. Madrid e Navarra son outras das comunidades críticas coa decisión do ministerio.  

O Ministerio de Sanidade defende os criterios seguidos na elección dos once hospitais en que se aplicarán as novas terapias que manipulan células inmunitarias.

 "Calidade, seguridade e experiencia no manexo deste tipo de terapias. Foron os criterios que se manexaron. Exclusivamente. Con algún criterio territorial", explica a ministra de Sanidade en funcións, María Luisa Carcedo.

Comunidades como Navarra, Madrid e Galicia rexeitan o desequilibrio territorial. Galicia é unha das que quedou fóra do mapa e pide que se reconsidere a decisión.

"Cremos que é importante que se estableza un equilibrio territorial para que os pacientes desta área xeográfica teñan desprazamentos curtos. E, desde logo, os criterios básicos estamos preparados para cumprilos e poder establecer este tratamento", di o conselleiro de Sanidade.

Jesús Vázquez Almuíña xa tiña pechada para esta mañá unha comparecencia no Parlamento e non asistiu á xuntanza, en que tamén se acordaron medidas para facer fronte aos problemas de subministración de fármacos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/05/2019