CRTVG

Buscar

Galicia non rexistra novas mortes con COVID-19 por terceira vez desde a alerta sanitaria

Publicado o 18/05/2020 21:29

A xornada deste luns completouse sen novos datos de falecementos por causa da pandemia en hospitais galegos. É a terceira vez desde o inicio da crise sanitaria en que estes centros non comunican ningunha nova vítima mortal con COVID-19. Tampouco transcendeu ningún outro morto rexistrado en residencias de maiores, que suman xa 12 días sen falecidos co virus.   

É a terceira xornada en que non se informa destes falecidos; a primeira foi o pasado 29 de abril, e a última, o pasado xoves 14 de maio.   

O total de mortes en Galicia con coronavirus sitúase en 607 (475 en atención hospitalaria e 132 en residencias). O último caso que transcendeu foi, este domingo, o dun home de 88 anos ingresado no Hospital La Rosaleda, en Santiago de Compostela, que tiña patoloxías previas.

En todo caso, hai que ter en conta que entre os falecidos en atención hospitalaria hai 138 persoas que estaban vinculadas con centros residenciais e que morreron en hospitais ou en residencias integradas. Nese sentido, os falecidos relacionados con residencias son 270, o cal supón ao redor do 45 % do total de vítimas mortais do coronavirus en Galicia.