CRTVG

Buscar

O peche perimetral pola ponte, enriba da mesa do comité clínico

Publicado o 30/11/2020 20:25

O comité clínico avanza no plan de desescalada de cara ao Nadal cuns datos esperanzadores, pero sen caer en triunfalismos. "Estamos nunha situación estable no decrecemento das infeccións, unha situación que, desde logo, sempre se pode reverter", explica Julio García Comesaña, o conselleiro de Sanidade. 

Porque esa situación é desigual, tanto por áreas sanitarias como por concellos. É clara a melloría en Ourense e Santiago; non vai tan rápido como desexarían na Coruña, e móstrase irregular, con subidas e baixadas, en Vigo, Pontevedra, Lugo e Ferrol.

Máis clara é a caída da ocupación das UCI, con menos de cen enfermos de covid−19. "E a nosa capacidade de tratamento en coidados críticos é polo menos catro veces máis", asegura Jorge Aboal. Director xeral de Asistencia Sanitaria

Pero antes do Nadal está a ponte da Constitución e a posiblidade de pechar Galicia ao exterior nesas datas. "Non a descartaría pero tampouco diría que vaiamos facela. Está sobre a mesa. Unha opción é poñela e a outra opción é non poñela como fixemos ata agora", di Comesaña. 

De cara á desescalada nas zonas de Galicia con peche perimetral con mellor evolución, Sanidade fai un chamamento a non botar por terra o conseguido. "Preocúpanos que todo este esforzo poida verse malgastado se agora no Nadal volvemos ás aglomeracións", asegura García Comesaña.

Suavizar ou levantar as restricións, din en Sanidade, non debe evitar que relaxemos o cumprimento das normas básicas de hixiene e distanciamento social.

Madrid pechará durante dez días desde este venres

Madrid xa comunicou a súa decisión para esta ponte. Os madrileños non poderán saír da comunidade nin recibir visitantes.

A comunidade volverá estar pechada perimetralmente desde o venres e durante dez días.

Manterán a hostalería e o comercio aberto, o toque de recollida de 12 da noite a 6 da madrugada e hai limitacións máis severas nalgunhas zonas básicas de saúde.

Con iso, Madrid non é a única que limita as entradas e as saídas na ponte. Tamén pechan a Comunidade Valenciana e a Rexión de Murcia ata o 9, ou o País Vasco ata o 10.

Máis alá, manteñen as limitacións Cantabria, Cataluña, A Rioxa e Navarra, con diferentes horarios e diferentes limitacións de actividade, xa que hai territorios en plena desescalada.

A vista está posta no Nadal, e aínda non hai un plan.

Noticias web

30/11/2020