CRTVG

Buscar

Galicia irá á vía xudicial para emendar "o furto institucional" do IVE

Publicado o 29/01/2020 11:41

• O BNG acusa a Feijóo de "enmascarar os seus erros" coa confrontación co Estado

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este mércores que o Goberno galego irá á vía xudicial para emendar o "furto institucional" causado pola decisión do Executivo estatal de non abonar a Galicia os 200 millóns de euros procedentes da liquidación da última mensualidade do IVE do ano 2017.

Núñez Feijóo declarou que está disposto a seguir "esgotando todas as posibilidades no ámbito xudicial e legal para seguir defendendo os intereses dos galegos" nesta causa, apenas un día despois de que a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, chamara á reflexión e pedira non alentar este debate en termos de "España róubanos ou o Goberno róubanos", propios -indicou- de forzas independentistas.

"Fixen todo o que podía para tentar negociar e entenderme co Goberno central que vostedes apoian e eu non", manifestou o presidente galego durante a súa resposta a unha pregunta do BNG acerca das rectificacións das súas políticas, en que censurou que o pacto asinado co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez non inclúa alusión algunha a este tema nin a outros asuntos que ve máis prioritarios para Galicia que os incorporados.

"Ménudo choio ten o señor Sánchez con vostedes", díxolle Núñez Feijóo á deputada Olalla Rodil, que interveu en substitución da portavoz Ana Pontón pola súa recente maternidade, e a quen o titular da Xunta lle recriminou que o BNG negociase co Goberno "de rebaixas" e sen defender adecuadamente Galicia.

"Vostedes pídenme a min que denuncie o Goberno despois de que vostedes conseguiran un gran pacto de lexislatura e de investidura. De verdade, señoría, que vostede podería debutar dunha forma máis coherente", agregou o titular da Xunta, que considerou que se aos membros do BNG lles importase Galicia "nunca aceptarían un Goberno que o primeiro que fai cando chega" é negar a súa débeda con este territorio e dicir que os devanditos fondos "non existen".

"Deberían de pedir perdón aos galegos", insistiu Núñez Feijóo, que chegou a dicir que os nacionalistas galegos "se venderon por nada" e asinaron un documento "lamentable" que el non subscribiría "xamais", debido a que antepón o "sentimento nacional" aos fondos necesarios para encargarse de servizos como a sanidade ou a educación.

"O único que conseguiron é que o Partido Socialista rise de todos os galegos a través das siglas do BNG", rematou o presidente, que lamentou que este partido sexa un "cómplice necesario" dun Goberno que nin respecta a Galicia nin cumpre cos seus socios.

O xefe do Executivo galego apoiou esta última afirmación nos supostos cambios de postura dos socialistas sobre temas como a transferencia da AP-9 ou as peaxes desta autoestrada en función de quen estea á fronte do Estado.

Para defender os intereses de Galicia, concluíu Núñez Feijóo, "non convén dicir sempre si ao Partido Socialista", senón "dicir si aos galegos", algo que quixo lembrar tamén ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, de quen chegou a afirmar que actúa como "unha mascota" dos seus xefes en Madrid ao ser "o único dirixente autonómico do PSOE que está en contra de que se lles devolva ás comunidades autónomas o recadado".

A pesar de preguntarlle ao presidente galego sobre outro tema, Caballero respondeu a estas alusións na súa quenda de palabra, en que se mostrou sorprendido con que este agora diga "que non asinaría" o acordo de investidura entre o PSOE e o BNG cando no seu día declarou que "asinaría o acordo que o PP ten con Vox para gobernar en Andalucía".

Para o líder socialista, Núñez Feijóo "perdeu a credibilidade" e é "capaz de defender A, B ou C coa mesma vehemencia e co mesmo aire de superioridade en sede parlamentaria".

Mentres tanto, Olalla Rodil referiuse ao titular da Xunta como un "presidente ausente, incompetente e desleal con Galicia", que dilapidou dez anos de maiorías absolutas e que hoxe se viste "disfrazado de falsa confrontación política" co Estado para enmascarar os seus erros.

Rodil preguntoulle a Núñez Feijóo se "de verdade pensa que pode tapar dez anos de submisión a Madrid" e de "centralismo" cun "frenesí epistolar" de reclamacións aos novos ministros, unha postura que, reprochoulle, adopta unha década "tarde" e que sería máis crible se subscribise o acordo "arrincado" polo BNG ao Goberno do Estado.

"Se vostede non é capaz de facer o seu traballo deixe que outros o fagamos", engadiu a parlamentaria nacionalista, que terzou que "non hai auga que lave a súa incompetencia política" durante unha década e que lle prognosticou ao xefe do Executivo que "xa terá tempo de dedicarse a escribir cartas cando os galegos lle dean a liquidación nas urnas".