CRTVG

Buscar

Galicia espera recibir unhas 30.000 doses da vacina Moderna antes de marzo

Publicado o 07/01/2021 19:33
Galicia espera recibir unhas 30.000 doses da vacina Moderna antes de marzo

Galicia espera recibir unhas 30.000 doses da vacina Moderna entre xaneiro e febreiro, segundo manifestou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, nunha entrevista concedida a Europa Press. Sobre esta vacina, indicou que por parte do Ministerio de Sanidade trasladóuselles "que é posible que nos entre algunha dose" o que levou a Xunta, expuxo, a "reprogramar" a vacinación para ver "como compaxinar ambas", dixo sobre esta vacina e a de Pfizer. 

"A programación vai ser ambiciosa, imos tentar vacinar o máximo numero de persoas no menor tempo posible", dixo a directora xeral de Saúde, que incidiu en que Galicia ten "máis capacidade de vacinación que as vacinas que nos enviaron".

Ao preguntarlle sobre as doses recibidas, sinalou que nestes momentos están a chegar a Galicia de Pzifer "18.500 semanais". "E esta previsión, entre 18.500-19.500, vaise a prolongar durante o primeiro trimestre do ano". 

En canto á de Moderna, afirmou que se lles comunicou "que enviarán doses". "Probablemente durante a segunda semana de xaneiro, estamos pendentes de que nos confirmen as doses exactas, pero calculamos que non superarán as 30.000 nestes primeiros dous meses", precisou.

Por outra banda, sobre a vacinación en residencias, cifrou ata o día 6 nunhas 15.500 as persoas vacinadas, delas uns 6.500 traballadores e o resto usuarios destes centros. Con este ritmo de vacinación, mostrouse convencida de que poderán cumprir o obxectivo de acabar a mediados de xaneiro a vacinación desta primeira dose nas residencias

Con todo, admitiu que van quedar residencias en que haxa que vacinar "posteriormente" pola aparición dalgún gromo. "Iso é normal, se hai un gromo non se pode vacinar ata que se resolve, non lle vemos maior transcendencia". Así, expuxo que, cando se terminen os gromos nas residencias afectadas, programarase de novo a administración de vacinas. "E nun par de días poderiamos acabar a vacinación", dixo. 

Respecto á orixe de positivos en vacinados, como os dous casos detectados na residencia de Burela (Lugo), asegurou que hai que "separar a vacinación destes positivos". "Probablemente eran persoas que xa estaban incubando a enfermidade, pero non ten nada que ver a vacinación con esa positividad", remarcou. Así mesmo, avanzou que están a analizar a posibilidade de que, cando se termine a vacinación nas residencias, facer de forma "paralela" a vacinación da segunda dose a usuarios e traballadores destes centros e a de profesionais sanitarios.

Sobre a segunda dose, indicou que calculan que sexa "entre o 18 e o 20 de xaneiro". "A condición de que nos cheguen as vacinas", precisou. Por outra banda, expuxo que a súa intención é pola aos 21 días como recomenda o seu fabricante. Pero non descartou aprazalo se houbese "un problema de stock ou loxístico".