CRTVG

Buscar

Galicia, entre as comunidades que manteñen abertas as fronteiras, xunto coas illas Canarias, Baleares, e Estremadura

Publicado o 29/10/2020 21:39

Galicia é unha das catro comunidades que manteñen abertas as súas fronteiras, xunto coas illas Canarias e Baleares, e Estremadura. Pero a comunidade está illada por estrada polo peche perimetral de Castela e León e de Asturias.

A ponte dos santos está aberta á circulación, pero xa só se pode cruzar con causa xustificada. Asturias decretou o peche perimetral da comunidade autónoma, e, aínda que Galicia non o fixo, interrómpese a comunicación entre ambas. Nótano especialmente na comarca do Eo.

"Nós imos a Ribadeo moito, imos a todo a Ribadeo", "O 50 % dos comercios de Ribadeo vive de Asturias, e notámolo moito", "Aquí, no estaleiro este, veñen a traballar os de Ribadeo", din os veciños.

O mesmo pasa na fronteira entre Galicia e Castela e León. Na comarca do Bierzo escóitase falar galego. As relacións entre galegos, bercianos ou xabreses sempre foron estreitas, e agora quedan limitadas. A partir deste venres, a comunidade veciña tamén está pechada.

"Pasar desta zona a Galicia, tíñannos que deixar pasar. Aquí ata falamos galego", "É peor ir a Ponferrada polo penso que a Pedrafita!", "Ter parcelas na outra comunidade é unha lea, por sorte deixarannos pasar", din os veciños de Vega de Valcárce

Por se fose pouco, a partir deste venres e ata o martes que vén tampouco se pode pasar a Portugal. O país veciño pecha todos os seus concellos na ponte de defuntos, e o peche inclúe a fronteira con Galicia. Iso supón que, sen estar pechada, Galicia queda illada por estrada polo menos durante os próximos días.

Noticias web

29/10/2020