CRTVG

Buscar

Galicia é a comunidade onde máis cae o paro en xuño: 6.428 desempregados menos

Publicado o 02/07/2020 09:15

A pesar de que en números totais o paro medrou en España durante o mes de xuño, dez comunidades viron reducido o número de desempregados. Galicia é a comunidade onde máis baixou o paro neste último mes, con 6.428 desempregados menos.

Ese descenso do paro rexistrado supón un 3,36 por cento menos que no mes de maio.

Nestes momentos hai inscritas nas listas de desemprego 184.654 persoas en Galicia, o cal supón 29.405 máis que hai un ano, un incremento do 18,94 por cento.

Afiliación á Seguridade Social

O total de afiliados en Galicia na Seguridade Social é de 986.642 cotizantes, 10.268 máis que no mes de maio, un incremento do 1,05 por cento. Respecto ao mesmo mes do ano anterior, Galicia perdeu 38.550 cotizantes, un descenso do 3,76 por cento.