CRTVG

Buscar

Galicia duplica a incidencia de risco extremo e as áreas da Coruña e Ourense triplícana

Publicado o 22/01/2021 20:46

• Máis voces de expertos avogan polo confinamento domiciliario

Galicia, con 600 casos de covid por cen mil habitantes, duplica de lonxe a incidencia de covid considerada de risco extremo. Ás áreas sanitarias de Ourense e A Coruña triplícana. A velocidade dos contaxios non deixa de aumentar, en todos os distritos, nas sete cidades e en boa parte dos concellos da comunidade. "Estamos nun momento perigoso, quizais no momento máis perigoso de toda a pandemia", asegura o epidemiólogo Juan Gestal.

As peores marcas supéranse cada xornada: 1.800 contaxios diarios, 17.000 casos activos, case un milleiro de ingresados, máis mortos... Medran todos os indicadores da pandemia e as voces que piden un endurecemento das restricións.

 "A ferramenta máis eficiente sería o confinamento domiciliario, un confinamento como o da primavera pero mantendo, ademais dos traballos esenciais, o ensino non universitario", di o doutor Gestal.

Sexan estas ou outras, cidades como Ourense, A Coruña e Santiago dan por feito que terán restricións ainda máis duras ca as actuais.

 "A min non me sorprende que a administración competente adopte máis medidas, só espero que consigan o resultado apetecido", dixo o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo.

Santiago ten 650 casos por cen mil habitantes. Unha incidencia a dúas semanas que na Coruña sobe a 660 e en Ourense achégase aos 800. Non se descarta que nestas cidades a Xunta decrete o peche de toda actividade non esencial.

Noticias web

22/01/2021