CRTVG

Buscar

O comité clínico analiza os primeiros datos da desescalada

Publicado o 01/03/2021 21:09

• A melloría desacelérase na área sanitaria da Coruña

• Os casos activos baixan a niveis non vistos dende outubro: 4.953

 

Os indicadores da covid−19 seguen mellorando. Galicia está xa en nivel medio de risco e, segundo os expertos, coa actual evolución, a comunidade quedaría en risco baixo a finais de semana. A melloría nótase en todas as áreas sanitarias, pero vai máis lenta na de Ferrol e sobre todo na da Coruña. Acaba de conseguir saír do risco extremo, pero segue concentrando un terzo dos contaxios de toda Galicia.

"Temos moitas das cidades importantes, dos concellos importantes —A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre—, que están ainda por riba deste nivel de moi alto risco", aseguraba Pilar Farjas, membro do comité clínico.

O estudo de augas residuais da Coruña detectou un aumento da carga viral na última semana. E preocupa que a caída dos casos de covid-19 non se reflicta nunha redución da presión hospitalaria. Danse moitas altas de persoas que superaron a infección na casa, pero segue moi elevada a ocupación tanto en planta como en unidades de críticos.

"Estes dous indicadores non están mellorando á velocidade que desexamos e que é necesaria para ter controlada a vaga na área sanitaria da Coruña", sinalou Farjas.

Farjas considera que a área sanitaria, agora en nivel 2, aínda debe manter as actuais restricións. O comité clínico reunirarase este martes para analizar os datos tras os primeiros días de alivio das medidas. Os expertos non ocultan a súa preocupación polos incumprimentos detectados. Advirten que a pesar da melloría non hai motivos para a euforia porque o risco de dar pasos atrás persiste en calquera punto de Galicia.

Noticias web

01/03/2021