CRTVG

Buscar

Galicia comeza a aplicar as novas restricións para frear os máis de cen contaxios diarios

Publicado o 17/08/2020 11:42

• Primeira madrugada co ocio nocturno pechado e rúas baleiras

• Comezan os cribados aleatorios na área da Coruña por Abegondo e Bergondo

Esta foi a primeira noite de peche total do ocio nocturno en Galicia. Unha imaxe especialmente insólita en localidades turísticas como Sanxenxo, onde a Policía Local velou para que se cumprise a nova restrición. Discotecas, salas de baile e bares de copas con actuacións en directo non poden admitir clientes a partir das doce da noite e deben estar pechados á unha da mañá. Outras catro comunidades autónomas aplican xa este novo horario.

Galicia, con máis dun milleiro de infectados por coronavirus e un ritmo de contaxios diario de máis dun centenar, aplica a partir deste luns medidas restritivas a locais de lecer e restauración e limitacións a fumadores na vía pública, ademais de desaconsellar reunións entre persoas que non convivan, para frear a propagación da pandemia de covid-19. 

A área da Coruña, con máis de 60 % do total de infectados en Galicia, converteuse no principal foco da epidemia e as autoridades esperan que as medidas restritivas contribúan a acoutar a expansión da epidemia. A Rioxa e Murcia son as dúas comunidades que xa manteñen activas as once medidas e recomendacións que Sanidade e as comunidades acordaron o venres para facer fronte aos gromos de coronavirus, que entrarán en vigor a próxima medianoite en Galicia, Castela e León e Cantabria.

As restricións e recomendacións en sete ámbitos -o lecer nocturno, a hostalería, os centros sociosanitarios, os eventos multitudinarios, os cribados específicos e o consumo de alcol e tabaco- deben ser aprobadas e publicadas de forma oficial por cada administración autonómica para proceder á súa execución. Galicia xa publicou este sábado as restricións que aplicará a partir deste luns, do mesmo xeito que outras comunidades, tras un acordo alcanzado o venres. 

En Navarra aprobaranse o mércores, e nas Baleares esperan publicar as medidas o luns ou o martes. Euskadi declara hoxe a emerxencia sanitaria, da que se derivarán maiores restricións en ocupacións, agrupacións de persoas e horarios de hostalería, ademais de zonas de confinamento se se dan situacións de perigo. 

As once medidas comprenden: 

- Lecer nocturno: adóptase o peche das discotecas, salas de baile e bares de copas con actuacións musicais en directo. 

- Hostalería e restauración: necesidade de garantir a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros en servizos de barras, a distancia entre mesas e unha limitación de 10 persoas por mesa, cun horario de peche á 1 da mañá, coa imposibilidade de aceptar novos clientes a partir das doce da noite. 

- Centros sociosanitarios ou residencias de maiores: obrigatorio realizar probas PCR aos novos ingresos cun desfasamento máximo de 72 horas e a empregados que regresen de permiso ou de períodos vacacionais. Límite de visitas a unha por persoa e residente extremando as medidas de prevención e cun máximo dunha hora ao día e graduar a afluencia para evitar aglomeracións, aínda que se poderán facer excepcións en pacientes na fase terminal da súa vida. Quedan limitadas ao máximo as saídas dos residentes en centros sociosanitarios. 

-Eventos e actividades multitudinarias: É obrigatorio realizar unha avaliación de risco por parte das autoridades de saúde pública para cada evento ou actividade.

-Obrigatorio facer cribados con PCR, en caso de gromo epidémico, a aquelas poboacións de risco en centros sociosanitarios, barrios ou bloques de vivendas. 

- Consumo de alcol: prohibida a concentración de mozos para consumo de alcol, o coñecido como 'botellón', e as comunidades e concellos deben aplicar de maneira estrita as sancións. 

- Prohibido fumar na vía pública ou espazos ao aire libre cando non se poida respectar a distancia de dous metros, unha medida que inclúe todo tipo de substancias e dispositivos.