CRTVG

Buscar

Galicia amence con novas restricións contra a pandemia

Publicado o 22/10/2020 01:00

• En ningún lugar do país se poderán reunir máis de cinco persoas

A provincia de Ourense soporta as restricións máis duras de España

• Consulta aquí as normas publicadas no DOG

Por segunda vez nesta nova vaga do virus morreron en Galicia 11 persoas con covid−19 nun só día. Estes falecementos elevan a 847 as vitimas mortais desde o inicio da pandemia. E segue subindo a presión hospitalaria. Hai 342 persoas ingresadas, 48 delas en coidados intensivos. E disparanse outra vez os novos contaxios: 441 confirmados por PCR nas últimas 24 horas, que deixan a cifra total de casos activos en 5.457.

A Xunta tamén actualizou o mapa de concellos en alerta máxima por número de casos de coronavirus detectados nos últimos sete días. Son os que están en cor vermella no mapa. Son 21, oito máis ca onte. Pasan a este nivel de alerta Lugo, Pontevedra, Poio, Tui, Salvaterra, A Estrada, Mesía e Oleiros.

Ás doce da noite entran en vigor as novas restricións para frear o avance do coronavirus. Unhas restricións que en principio son para sete días pero que a Xunta quere ampliar a catorce. 

En ningún lugar de Galicia poderá haber reunións de máis de cinco persoas. Nin en espazos públicos nin en privados. Queda prohibido o consumo en barra na hostalería e a ocupación dos negocios redúcese á metade. Sanidade fai un chamamento a crear contornas burbulla, relacionarse con pouca xente e sempre a mesma. Isto despois de constatar que a maioría dos contaxios se producen entre familiares e amigos. "Seguimos a ter unha porcentaxe altísima, próxima ao 90 %, de situacións de gromos familiares ou de ámbitos de confianza, chamámoslles, en que se producen os contaxios", dixo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Pedro Rascado, do comité clínico, asegurou que non son medidas para culpar a ninguén, son medidas para que todas deamos freado o virus, os ingresos hospitalarios e os falecementos. "Está nas mans de todos darmos feito iso", asegurou o doutor.

Desde este xoves en Santiago e no Milladoiro só se poderá consumir nas terrazas e coa ocupación limitada á metade. Os restaurantes poderán servir no interior pero en mesas de non máis de 5 persoas e sempre que sexan conviventes. Porque a medida máis severa para frear a expansión do virus impide que se xunten os que non viven baixo o mesmo teito nos espazos públicos e nos privados.

"Insistir nese concepto de que só estea xunta a xente que convive. Esa é a idea desa medida, especialmente en Santiago e O Milladoiro", dixo o conselleiro de Sanidade.

Tamén se impoñen limitacións de ocupación en negocios e no transporte. E as actividades deportivas quedan reducidas a 30 persoas en espazos pechados e 75 en abertos. O concello di que fará cumprir as medidas ainda que algunha será dificil nunha cidade en que moita xente comparte piso sen ser familia. "Hai unha que non é doada de aplicar, que é a dos conviventes. Ese é un tema que a ninguén lle escapa que ten as súas dificultades", apuntaba o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. 

Estas medidas tentan frear a expansión do virus nunha cidade que acadou unha taxa acumulada de contaxios nos últimos 14 días de 333 casos por cada cen mil habitantes. Con todo, as autoridades sanitarias din que de momento non hai transmisión comunitaria.

A Directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, afirmaba: "Os gromos están localizados. Este é un tema importante cando falamos de que haxa ou non transmisión comunitaria".

O último gromo detectouse tras dous cribados entre o persoal das cociñas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Hai 12 casos positivos e 14 persoas en corentena. O servizo, din fontes sanitaria, segue prestándose sen incidencias e con total garantía. Ao persoal volveranlle facer as probas a semana próxima.

Noticias web

22/10/2020