CRTVG

Buscar

Galicia, á cabeza da vacinación de España, co 81 % das doses xa administradas

Publicado o 11/01/2021 21:00

Hoxe chegou a Galicia unha nova remesa de vacinas. Son 18.500 doses que entraron dende Portugal nunha furgoneta custodiada pola Garda Civil. Segundo os datos facilitados polo ministerio de Sanidade.

Melilla e Galicia situáronse este luns á cabeza como os territorios cunha maior porcentaxe de inmunización da súa poboación, con cifras superiores ao 80 por cento das doses recibidas da vacina contra a covid-19 de Pfizer xa administradas, mentres que a Comunidade de Madrid segue á cola, co 25,2 %.

En España administráronse 406.091 doses da vacina de Pfizer contra a covid-19, o 54,6 por cento das distribuídas entre as comunidades autónomas, que ascenden a 743.925, delas 103.589 desde o pasado venres. O Ministerio de Sanidade facilitou este dato no informe de actividade do proceso de vacinación fronte á covid-19 conforme a rexistros recollidos entre o 27 de decembro, día en que comezaron as vacinacións, e este luns 11 de xaneiro, aínda que algunhas comunidades levan atraso na comunicación dos datos e unicamente sete contan con datos actualizados.

Os datos do departamento dirixido por Salvador Illa indican que nese período se recibiron en España un total de 7.430.925 doses da vacina de Pfizer, unhas 350.000 delas este mesmo luns, que debido ás condicións meteorolóxicas adversas tiveron que ser distribuídas por estrada e poden experimentar atrasos na entrega. Do total, administráronse 406.091, o 54,6 %.

Os que máis rápido están administrando as vacinas son Melilla, co 82,2 % (832 de 1.005), e Galicia, co 81 % (30.418 de 37.555). Á cola figura un día máis a Comunidade de Madrid, co 25,2 por cento (24.897 de 98.790).

Noticias web

11/01/2021