CRTVG

Buscar

Fumar ao volante non está prohibido, pero as distraccións que pode provocar teñen multa

Publicado o 09/11/2020 14:47

Máis alá do risco que é para a saúde, fumar ao volante é tamén un perigo para a circulación. Porén, non está prohibido.

O garda civil Héctor Teixeira aclara: "Fumar non está expresamente prohibido no regulamento de circulación, pero si as accións que hai que levar a cabo para fumar".

Porque para chegar a fumar no coche, antes houbo que buscar o tabaco, o chisqueiro e acender o cigarro. Segundo un estudo da Sociedade Española de Medicina de Tráfico, só o xesto de prender un cigarro resta uns catro segundos de atención que, a cen quilómetros por hora, serían uns 112 metros percorridos sen atender á estrada.

Esa distracción ao volante, como ler un papel ou sintonizar a radio, si que constitúe unha infracción recollida no código. Ademais, explica Teixeira, a perda de liberdade de movementos, como ir conducindo cunha soa man, suxeitando o cigarro "tamén implicaría unha infracción". E poden ser infraccións leves que se traduzan nunha multa de 80 euros ou, se causamos un perigo na estrada, pagar entre 200 e 500 euros e de tres a seis puntos. 

Case un terzo dos accidentes de tráfico teñen detrás estas distraccións. "Aproximadamente o 60 por cento dos sinistros teñen unha infracción detrais" di Teixeira, que comenta que son as saídas de vía ou a invasión do carril contrario, a consecuencia máis habitual dunha distracción na conducción.

Outro perigo asociado a fumar no coche, e que tamén penaliza: tirar a cabicha pola ventá. "Cando vas fumando coa ventá aberta, ou se tiras a cabicha pola ventá, iso si está sancionado con 4 puntos e 200 euros, e o risco asociado de incendio que se pode producir", comenta.

Así que fumar ao volante non afecta só ao condutor, e os perigos que provoca páganse con multas de ata 500 euros. 

Noticias web

09/11/2020