CRTVG

Buscar

Francia supera os 20.000 mortos e Trump ameaza con prohibir a inmigración

Publicado o 21/04/2020 13:58

Francia converteuse nas últimas horas no cuarto país que supera os 20.000 mortos por coronavirus. O primeiro deles segue sendo Estados Unidos, onde o presidente Trump ameaza con prohibir a entrada de estranxeiros no país para protexer, asegura, os empregos dos estadounidenses.

Regresar á normalidade levará moito tempo, admitiu o Goberno francés, cando fan 36 días de confinamento. As restricións, asegura, están dando resultado, pero o país superou xa os 20.000 mortos por coronavirus.

En plena loita contra a pandemia, o Goberno ten que afrontar agora os disturbios xurdidos nalgúns dos barrios máis pobres de París. Grupos de mozos lanzaron fogos artificiais contra as forzas de seguridade, acusadas dun uso excesivo da forza en zonas nas que, segundo as oenegués, as condicións de vida precarias fan moi dificil respectar o confinamento.

Mentres, en Italia, que superou os 24.000 mortos, o primeiro ministro, Guisepe Conte, anunciará esta semana a reapertura parcial do país a partir do catro de maio.

Unha reapertura na que insiste tamén Donald Trump, que asegura que todo o que fixo contra a pandemia foi o correcto.

O presidente dixo estar disposto a prohibir a entrada de inmigrantes no país, legais e ilegais, como medida para protexer da pandemia os empregos dos cidadáns estadounidenses.

 

Noticias web

21/04/2020