CRTVG

Buscar

Francia supera as 10.000 mortes por coronavirus tras engadir 1.427 nun só día

Publicado o 07/04/2020 19:50

Francia superou este martes as 10.000 mortes por coronavirus cun total de 10.328 falecementos desde o pasado 1 de marzo, 1.427 máis que este luns, indicou o director xeral de Sanidade, Jérôme Salomon. Deles, 7.091 producíronse en hospitais, 607 só nas últimas 24 horas, e outros 3.237 en residencias de anciáns e centros de dependencia. Aínda que neste último caso hai 820 mortes máis que onte luns, esa cifra non corresponde necesariamente a novos falecementos nese período porque ao Executivo van chegando de forma paulatina os datos deses centros e, sen dispoñer aínda dos de todas as institucións, ofrece a última actualización dispoñible. 

Francia, din as autoridades sanitarias, entra na fase de agravemento da pandemia.  París endurece o confinamento e xa non se poderá saír facer deporte entre as dez da mañá e as sete da tarde.

Novo récord no Reino Unido

O número de pacientes mortos en hospitais no Reino Unido por COVID-19 aumentou este martes en 786 persoas, ata un total de 6.159, o máximo incremento contabilizado ata o de agora nun día polo Ministerio de Saúde. Os contaxios confirmados avanzaron en 3.634 persoas, ata 55.242 casos positivos, tras realizar probas diagnósticas a 213.181 individuos desde que comezou a crise do coronavirus. A cifra récord de hoxe chega despois de dous días en que a cantidade de mortos diarios descendera, ao rexistrarse 439 o luns e 621 o domingo.

Italia constata o maior freo de contaxios de coronavirus en 25 días

Os falecidos en Italia con coronavirus ascenden hoxe a 17.127, ao rexistrarse 604 máis nas últimas 24 horas, unha cifra inferior á do día anterior, mentres se reducen os contaxios e o número de persoas hospitalizadas. Os casos totais desde que se detectou o virus o 20 de febreiro son 135.586, 3.039 máis respecto ao luns e que indica que continúa a tendencia de lixeiro descenso na propagación do virus.

Actualmente hai 94.067 persoas enfermas, e o número de positivos subiu só 880 nun día, a cifra máis baixa desde o pasado 10 de marzo. Un total de 24.392 persoas xa se curaron, delas 1.555 nas últimas 24 horas, tamén un dato moi favorable, segundo os datos transmitidos polo xefe de Protección Civil, Angelo Borrelli. A gran maioría dos positivos, 61.557, están en illamento domiciliario, outros 28.718 están hospitalizados con síntomas e só 3.792 están en coidados intensivos (106 menos que onte), o que mantén unha redución destes pacientes graves por cuarto día consecutivo.

Nova York rexistra a súa maior cifra diaria de mortos por COVID-19 
Un total de 731 persoas morreron nas últimas 24 horas por COVID-19 en Nova York, a maior cifra diaria rexistrada neste estado desde o inicio da crise, pero o ritmo de novas hospitalizacións e de ingresos en coidados intensivos continúa descendendo, o que fai pensar ás autoridades que o brote pode estar a estabilizarse. Os últimos falecementos elevan ata 5.489 o total de vidas perdidas polo coronavirus en Nova York, onde se confirmaron 138.836 casos da enfermidade, segundo informou este martes o gobernador Andrew Cuomo.
Nova York é o estado máis afectado dos EUA, país que reporta o maior número de casos de coronavirus no mundo (case 370.000) e máis de 11.800 mortes, segundo datos da Universidade Johns Hopkins. 
Soben os casos en Europa

Nos países nórdicos e Holanda dispáranse as cifras de mortos e persoas infectadas. Ucraína cava moreas de fosas para o que temen estar por vir.
A doce mil quilómetros, na cidade ecuatoriana de Guayaquil xa non hai cadaleitos de madeira e repartiron 4.000 de cartón para poden enterrar os mortos.
A China, sen contaxios locais

A China celebra o primeiro día sen mortos nin contaxios locais. E Wuhan reabre as súas portas. Xa se poderá entrar e saír da cidade. A que fora o epicentro da pandemia e probablemente a súa orixe pon fin a 11 semanas de confinamento.

 

 

Noticias web

07/04/2020