CRTVG

Buscar

100 mortos e máis de 4.000 feridos, último balance pola explosión no porto de Beirut

Publicado o 05/08/2020 08:17

O número de mortos pola explosión no porto de Beirut que onte sacudiu a capital libanesa subiu a 100 e o de feridos xa é de máis de 4.000, segundo informou a Cruz Vermella libanesa.

"Ata o de agora, unhas 4.000 persoas resultaron feridas e unhas 100 perderon as súas vidas. Os nosos equipos continúan as operacións de busca e rescate nas áreas de arredor".

O primeiro ministro libanés, Hasan Diab, revelou nunha reunión co presidente da República, Michel Aoun, que un cargamento de nitrato de amonio de 2.750 toneladas sen custodiar foi a causa da explosión, aínda que se descoñece a orixe.

Hoxe é o primeiro día de loito nacional declarado no país, en estado de emerxencia durante dúas semanas. O Consello Supremo de Defensa libanés decretou onte Beirut como "zona catastrófica". A comunidade internacional mostrou a súa solidariedade co pobo e o Goberno do Líbano, que pasa pola súa peor crise económica desde o final da guerra civil (1975-1990).