CRTVG

Buscar

Fin de semana seca e solleira en Galicia, con máis calor o domingo

Publicado o 03/07/2020 14:10

As temperaturas baixas para ser verán que tivemos de madrugada deron que falar esta mañá.

No alto de Brañas de Xestoso, en Silleda, a sensación térmica era inferior aos 4 graos que, por exemplo, rexistraron os termómetros en Xinzo de Limia.

Máis frío foi Baltar, con dous e medio, fronte aos preto de 13 que houbo de mínima na Coruña.

Mirando ao sábado, e sobre todo ao domingo, din que a situación atmosférica tornará a ambiente propio de verán.

Esta é a previsión de Alberto Romero, meteorólogo de MeteoGalicia: "Teremos a primeira fin de semana do mes de xullo con influencia anticiclónica. Logo duns días onde tivemos a presenza de aire máis frío que ocasionou estas temperaturas tan baixas de madrugada. A partir desta fin de semana temos tempo seco e estable. Ceos despexados en xeral na maior parte do territorio galego. As temperaturas subirán progresivamente, sobre todo as máximas. Estaremos por riba dos trinta graos en moitas comarcas do sur de Galicia: Terra de Lemos, Verín, Valdeorras, O Ribeiro, no Baixo Miño, Condado Paradanta... onde mesmo poderían chegar aos trinta e cinco graos o domingo".

Segundos os prognósticos, os rexistros térmicos serán notablemente máis suaves no norte do país, onde as termperaturas oscilarán entre os doce de mínima e os 25 de máxima.

E para quen teña a mirada posta na semana que vén, isto é o que nos adiantan en MeteoGalicia: "As temperaturas seguirán sendo elevadas, estamos en xullo. Serán valores acordes coa época en que estamos, mesmo con tendencia a subir máis contra mediados de semana. Estamos a ver que a partir do mércores ou xoves iremos matizando a predición, poderiamos ter aire frío en capas altas da atmosfera, o que suporía risco de treboada no interior. En todo caso, a vindeira semana caracterizarase por tempo bastante estable. Pola mañá o luns aínda teremos o ceo bastante cuberto no norte de Lugo e da Coruña".

E isto é tamén para a fin de semana; se vai andar ao sol, non descoide protexerse. A radiación ultravioleta pode alcanzar o nivel 9, moi alto, nas horas centrais do día.

Noticias web

03/07/2020