CRTVG

Buscar

Fin de semana con tempo solleiro, sobre todo no sur de Galicia

Publicado o 24/05/2019 13:53

Santiago mira o ceo mentres se prepara para as festas da Ascensión. Co ritmo que leva este mes de maio, é difícil prever se nunha semana andaremos en manga curta ou con bufanda.

"E tamén a chuvia: un día diluviando, outro día sol..."; "Uns días vai frío, outros calor, outros chove, outros vai sol... Un sindiós, por así dicilo".

Aínda que dun ano para outro nos falle a memoria, a primavera é así, inestable. Malia todo, os meteorólogos matizan. Unha cousa é o tempo cambiante e outra que o faga con tal brusquidade. Atribúeno ao modo de desprazamento das borrascas e anticiclóns que este mes de maio en lugar de iren en horizontal e amodiño, levan unha circulación meridiana.

Ana Lage, meteoróloga de Meteogalicia: "Que quere dicir iso? Que está dada por entradas de masas de aire que poden ser do sur, como tivemos de aire cálido africano, ou de norte. É dicir, xa non é de oeste leste, senón de norte sur ou de sur a norte".

Difícil neste contexto facer previsións a longo prazo, así que imos quedar coa máis inmediata: o tempo para a fin de semana, que se prevé maioritariamente despexado e de temperaturas agradables, pero con diferenzas entre o norte e o sur.

Diego Viaño, 'O tempo': "Afiánzanse as altas presións durante a fin de semana, pero con vento de compoñente norte, non tanto do nordés, que van deixar Galicia con dúas caras: máis nubes e ceo máis pechado no norte, con temperaturas tamén máis cativas, e máis horas de sol e de luz no sur, onde as máximas tenden a ascender. Non imos chegar aos 30 graos, pero si superaremos os 25"

Luns e martes empeorará un chisco, pero a partir do mércores achégase o verán.

Noticias web

24/05/2019