CRTVG

Buscar

Filipe VI terá que gardar corentena durante dez días tras ter contacto cun positivo

Publicado o 23/11/2020 20:33
Filipe VI terá que gardar corentena durante dez días tras ter contacto cun positivo

Filipe VI permanecerá en corentena durante dez días despois de ter coñecemento de que unha persoa coa que estivo en contacto onte, domingo, deu hoxe positivo pola covid-19, segundo informaron fontes da Casa Real.

O rei desenvolveu esta mañá a súa axenda con normalidade pero, tras coñecer a noticia, suspendeu todas as actividades que tiña programadas durante o período en que estará illado.

Tanto a raíña como a princesa de Asturias e a infanta poderán continuar coas súas actividades con normalidade.

Na súa breve mensaxe, o Palacio da Zarzuela non deu máis detalles sobre o contratempo.

"A súa maxestade o rei tivo coñecemento de que unha persoa coa que onte tivo contacto próximo deu hoxe positivo por covid-19. Seguindo as normas sanitarias, a partir deste momento gardará o preceptivo período de corentena de dez días, quedando suspendidas todas as súas actividades oficiais previstas durante o devandito período", sinala a Casa Real.

O illamento do xefe do Estado prolongarase ata o 2 de decembro.

A noticia comunicouse despois de que o monarca mantivese esta tarde unha audiencia no Palacio da Zarzuela co comandante supremo aliado de Transformación (SACT) da OTAN, André Lanata, onde tamén estivo o xefe do Estado Maior da Defensa, Miguel Anxo Villarroya.

O único acto que don Filipe tiña programado durante o resto da semana era unha viaxe a Sevilla xunto á raíña o vindeiro mércores para inaugurar un congreso de turismo.

O monarca, do mesmo xeito que dona Letizia, someteuse ao test de coronavirus o pasado 12 de marzo, ao comezo da pandemia, e ambos deron negativo.

Naquela ocasión, el reincorporouse á actividade, mentres que a raíña gardou corentena durante dúas semanas, despois de coincidir nun acto coa ministra de Igualdade, Irene Montero, quen dera positivo por covid-19.

Tamén a princesa Leonor estivo illada durante dúas semanas ao pouco de iniciar o colexio, a mediados de setembro, tras confirmarse que unha das compañeiras de clase estaba contaxiada, pero na proba PCR deu negativo.

Noticias web

23/11/2020