CRTVG

Buscar

Filipe VI agradece a Galicia a súa contribución a España e Iberoamérica

Publicado o 03/10/2019 21:15

• O rei inaugura o Foro La Toja. Vínculo Atlántico, en que empresarios, políticos, intelectuais e académicos reflexionan sobre os retos das sociedades democráticas

• Feijóo salienta a centralidade e a estabilidade de Galicia

Ás cinco e media da tarde se inauguraba este foro coa chegada do rei Filipe VI. Era recibido polo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e por numerosas autoridades. Entre eles, o presidente do Parlamento e o delegado do Goberno en Galicia.  O empresario chantadino Amancio López Seijas, presidente do Grupo Hotusa, organizador deste foro, encargábase de darlles a benvida. Durante tres días, empresarios, políticos, intelectuais e académicos debaterán sobre numerosas cuestións. Entre elas, analizar o presente e o futuro atendendo aos cambios tecnolóxicos, a situación das democracias liberais e os novos modelos políticos que as cuestionan.

Entre os asistentes, nomes de peso como os ex-presidentes Felipe González e Mariano Rajoy. Estará tamén o presidente en funcións, Pedro Sánchez. O foro conta coa intervención de 20 relatores do máis alto nivel. Entre outros, o presidente de Inditex, Pablo Isla 

O rei Filipe VI reivindicou na illa da Toxa, en Pontevedra, os "referentes e proxectos capaces de mirar" os procesos "de longo prazo" e que dean maior capacidade para "estender os avances e o progreso da maneira máis eficaz e xusta posible".
O Rei foi o encargado de inaugurar este xoves na Toxa o Foro La Toja. Vínculo Atlántico, un evento que reúne nesta illa a políticos, empresarios, intelectuais e académicos para reflexionar e defender os valores que definen as sociedades democráticas.
Neste escenario e ante autoridades como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e o ex-presidente do Goberno, Felipe González, o Rei avogou por "valorar e conservar todo o positivo" recibido e "mellorar" preparando as sociedades para "afrontar con éxito os novos desafíos". "Todo iso prestando sempre unha atención especial ao imperativo ético, político e social que supón afianzar unhas sociedades inclusivas e cohesionadas onde ninguén quede detrás", defendeu para subliñar que "sen o cumprimento desta premisa, que é a base da confianza colectiva, ningún país poderá progresar de verdade".
En galego

O monarca falou en galego para referirse a Galicia como unha terra "xenerosa e aberta" que viu durante anos como "os seus fillos emigraron ao mundo". "Millóns de galegos atravesaron o Atlántico e chegaron a América contribuíndo ao progreso das nosas nacións irmás, pero sen esquecer nunca a España", sinalou. Por iso, segundo indicou, "Galicia e o galego ocupan hoxe un lugar clave no imaxinario iberoamericano como unha mostra orgullosa da España nobre, honesta e traballadora". "E esta terra, por esa sabedoría e esa visión atlántica da vida, é igualmente un expoñente da España puxante e dinámica que mira o futuro con resolución e confianza", expresou para agradecer a "Galicia" a súa "permanente contribución a España e a Iberoamérica".
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2019