CRTVG

Buscar

Festas para elixir na penúltima fin de semana de agosto

Publicado o 23/08/2019 14:32

Festas para comer, para bailar e reivindicar a memoria... A oferta da fin de semana é variada.

En Xinzo métense no túnel do tempo para regresar á epoca romana. A lexión de Décimo Xunio Bruto cruzará o río Limia escenificando a conquista da Gallaecia. 800 persoas traballan na vixésimo novena edición desta festa que inclúe un campamento castrexo e foliada.

En Chantada tamén reivindican a historia e a identidade. No folión de carros participan doce carros tirados por bois e vacas. Represéntanse escenas agrarias con apeiros antigos, oficios, casas labregas... O desfile será o sábado á noite. Antes haberá xogos, artesanía e música.

Esta fin de semana tamén se homenaxea o mar en Malpica e Combarro. En Poio xa está aberta a mostra gastronómica e de exposicións da Festa do Mar. Esta tarde será a concentración de embarcacións tradicionais. Mañá haberá visitas guiadas, e o domingo, navegación libre.

Na Bandeira hai xa 45 anos que levan facendo a Festa da Empanada. Esta fin de semana agardan 8.000 persoas na carballeira da Silva, onde se celebrará o tradicional concurso en que participan profesionais e afeccionados.

Os que queiran romarías tamén teñen opcións. En Cabral, Vigo, celebran o domingo a Festa do Pan de Millo no parque de Cotogrande. Serviranse sardiñas, polbo e empanada.

En Viveiro hoxe comeza o Naseiro co día do polbo. Esta edición está marcada pola cancelación da baixada do Landro. A organización prevé que se monten cerca de 400 casetas. A Romaxe do Bo Xantar é festa de interese turístico de Galicia desde hai máis de 50 anos.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/08/2019