CRTVG

Buscar

Festas, aniversarios e botellóns, ameazas na desescalada

Publicado o 01/06/2020 14:57

Tomelloso é unha das localidades máis castigadas polo coronavirus, ata o punto de estar considerada o Wuhan español. Ten 36.000 habitantes, e varios centos deles reuníronse este sábado nun botellón que indigna o resto dos veciños. Os mozos concentráronse sen respectar distancias nin outras medidas de seguridade, coa escusa de celebrar o paso á fase dúas, que hoxe estrea Cidade Real.

Na fase un permanece Lleida, que trata de controlar varios casos en catro empresas cárnicas, e outro nun aniversario ao que asistiron unha vintena de persoas.

Por outra festa, en Córdoba, tivo que pedir disculpas o príncipe Xoaquín de Bélxica. O aristócrata viaxou en avión e AVE á cidade andaluza e non respectou a obrigada corentena. Ao día seguinte da reunión o sobriño do rei belga deu positivo, e a trintena de asistentes foron illados, mentres as autoridades investigan o sucedido.

O goberno de Ceuta decretou o illamento obrigatorio dunhas 120 persoas logo de que un paciente confirmado se saltase a cuarentena para ir a unha festa. E en Mallorca vixian un brote que afecta once membros dunha familia paquistaní que rexenta un locutorio da capital balear.
As autoridades sanitarias piden non baixar a garda no proceso de desescalada.
 

Noticias web

01/06/2020