CRTVG

Buscar

Fernando Vidal xa exerce de presidente e presenta as claves do seu mandato

Publicado o 18/12/2019 16:13

Non é o presidente oficial, pero Fernando Vidal será o responsable do Deportivo a partir do catorce de xaneiro. 

E a súa etapa comeza hoxe, porque estará a carón do consello de Paco Zas para programar o mercado de inverno e buscar a salvación do club. Fernando Vidal ten o apoio de accionistas e de empresas. Chegou o seu momento. Foi o home da asemblea.

Nunha carpeta da FIFA, Fernando Vidal levaba o seu proxecto: principio de acordo con Abanca.

"Unha das grandes vantaxes do acordo con Abanca é que a viabilidade do club está nestes momentos solucionada".

Abanca, que adiantaría un capital para afrontar o mercado de inverno, pasaría a ser o máximo accionista.

"Capitalízase a débeda, obviamente, si. Pero sería despois de poñer moitos millóns de euros enriba da mesa, euros que van facer que a débeda que temos agora mesmo, uns 80 millóns de euros, se rebaixe considerablemente".

Vidal estivo acompañado en todo momento polo empresario Juan Carlos Rodríguez Cebrián, ex-director xeral de Inditex."Non vai ter posto de conselleiro, pero si me vai asesorar. É o meu apoio, o meu bastón. Sen el, teñan a completa seguridade de que non estaría aquí".

Vidal e Cebrián departiron durante uns minutos con Paco Zas antes da xunta. Agora traballarán coordinados ata o 14 de xaneiro.

"Nós imos propoñer os movementos deportivos e o club, loxicamente, executaraos. Cabe a posibilidade de que haxa outra candidatura e nós buscaremos coa outra candidatura para tomar este tipo de decisións".

O candidato asegurou que, sen a proposta de acordo con Abanca, o Deportivo estaría ao bordo da desaparición en caso de descenso a Segunda B. Lamentou non ser xa presidente.

"Deberían dimitir antes e que esta xunta fose a xunta de elección dun novo presidente".

Vidal non quixo valorar o futuro de Luis César e Carmelo del Pozo.

Noticias web

18/12/2019