CRTVG

Buscar

Fernando Vidal, na TVG: "Nós imos loitar ata o final con todas as armas que teñamos"

Publicado o 22/07/2020 22:01

Todas as reclamacións do Deportivo están xa na federación española de fútbol. Vidal aposta por chegar ata o final para subsanar unha decisión da liga que considera precipitada e errónea: "Porque era a última xornada ou polas présas de acabar pronto penso que tomaron unha decisión errónea". O presidente herculino engade: "Nós imos loitar ata o final con todas as armas que teñamos. Sabemos que non estamos sos nesta batalla, temos a moita xente detrás: temos institucións, a Xunta de Galicia, o Concello, que eu creo que se están portando de maneira fantástica en apoio do Deportivo, e penso que temos unha forza que temos que facer valer en Madrid".

O Deportivo recibiu o apoio do futuro máximo accionista da entidade. "Unha das chamadas que tiven cando remataron os partidos do Lugo e do Albacete foi a do presidente de Abanca para me dar todo o apoio", revela Vidal.

Vidal respondeu ás declaracións de Tebas en que o presidente da Liga dicía que "a decisión que se tomou foi para defender os intereses do Deportivo da Coruña, un dos clubes que menos pode falar de integridade deportiva". O máximo responsable do club coruñés considera que "Javier é unha persoa visceral, tamén son eu. Séntese atacado nun momento de moita tensión e está a se defender contra o Deportivo dicindo que o Deportivo non é un exemplo. Penso que somos un equipo que en todos os niveis cumprimos coa integridade deportiva"

O presidente do Deportivo agradeceu o apoio recibido da Xunta e o Concello e agarda o restablecemento rápido dos xogadores contaxiados e o regreso aos seus domicilios.


 

Noticias web

22/07/2020