CRTVG

Buscar

Fernando Vázquez colle as rendas do Dépor con apoio de afeccionados

Publicado o 30/12/2019 13:19
Fernando Vázquez colle as rendas do Dépor con apoio de afeccionados

O novo adestrador do Deportivo, Fernando Vázquez, tomou este luns as rendas do equipo que dirixe por segunda vez, e recibiu o apoio dun grupo de afeccionados, cando saía do vestiario para realizar a primeira sesión de traballo na Cidade Deportiva de Abegondo.

A primeira mañá de traballo da súa segunda etapa á fronte do banco do Deportivo comezou con case unha hora dentro do vestiario de Abegondo xunto aos xogadores.

Minutos antes do mediodía, os deportivistas saíron ao céspede e Fernando Vázquez fíxoo cun sorriso de orella a orella e o polgar no alto mentres escoitaba os berros de apoio que procedían da bancada da Cidade Deportiva.

Recibírono con aplausos, un "vamos Fernando" coral e ata unha pancarta coa lenda, en galego: "Loitamos por ti e aquí estás. Querémoste, Fernando".

No céspede, a preparación física correu a cargo do seu axudante, Manuel Pombo, antes de que Vázquez se metera en faena nunha mañá solleira, a que levaba esperando desde hai máis de cinco anos e medio, cando foi despedido nos días previos ao comezo da pretemporada.

Aquel cesamento produciuse despois de devolver á Primeira División o equipo coruñés, co que agora tentará evitar o descenso a Segunda B.