CRTVG

Buscar

Fernández Leiceaga: "Considerei que era bo dar un paso ao lado e colaborar con outras tarefas"

Publicado o 25/11/2019 11:20

Xoaquín Fernández Leiceaga, que deixa o Pazo do Hórreo para ocupar o seu novo posto de senador por designación autonómica, dixo este luns no Bos días que este cambio non significa que abandone Galicia, onde manterá a súa residencia, e confirma que coordinará a realización do programa do PSdeG-PSOE para a próximas eleccións autonómicas.

Fernández Leiceaga asegura que pecha unha etapa na política galega e abre outra que, se ben igual non é tan visible, non por iso é menos importante.

Sobre a reforma do Senado, Fernández Leiceaga di que é imprescindible se queremos convertelo nunha cámara de representación dos distintos territorios e defende un modelo federal como o alemán.

Leiceaga constata unha sensibilidade moi diferente na España periférica e na central sobre o modelo autonómico, do que di é necesario perfeccionar para facelo máis eficiente. Defende o novo senador unha maior integración do réxime local dentro do autonómico e o papel integrador da Cámara Alta para o que é necesario lealdade institucional.

Fernández Leiceaga asegura que a reforma da Constitución non é ningún tabú, pero que sería desexable que o novo texto concentre maiores apoios que o actual. 

Sobre o auxe dos extremismos, Fernández Leiceaga di que é consecuencia de distintos factores que crean temor ao futuro, que cando o sistema político non é capaz de integrar e ofrecer unha resposta acaba xerando reaccións que se afastan do centro do sistema.

Sobre o proceso de formación de Goberno en España, Leiceaga di que a situación é complexa, o que dificulta a formación de maiorías, polo que é necesario facer un esforzo de negociación e diálogo sempre co límite da Constitución. Valora tamén positivamente o acordo entre PSOE e Unidas Podemos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí