CRTVG

Buscar

Feridos dous octoxenarios ao chocar contra un camión nun túnel da A-6

Publicado o 18/11/2020 13:44
Feridos dous octoxenarios ao chocar contra un camión nun túnel da A-6

Dous octoxenarios quedaron feridos esta mañá nun aparatoso accidente de circulación que se produciu por unha colisión entre un camión e un coche nun dos túneles da autovía do Noroeste (A-6) ao seu paso polo municipio lucense de Baralla.

O accidente produciuse ás 10:41 horas, segundo informou o 112, concretamente no túnel de Neira de Rei, ao chocar un vehículo cun camión que transportaba valos metálicos e que, a causa do sinistro, perdeu parte da súa carga.

O 112 mobilizou os bombeiros de Sarria, o GES de Becerreá e a Garda Civil de Tráfico, que tivo que regular a circulación en sentido á Coruña, dado que un dos carrís aínda permanece pechado.

Tamén foi mobilizado o 061, que evacuou ao hospital Polusa de Lugo un home de 88 anos de idade, con iniciais J. N. F, e outro de 82, M. N. F.

Ferida nun atropelo en Foz

Por outra banda, unha muller de 72 anos de idade quedou ferida de gravidade esta mañá tras ser atropelada na localidade lucense de Foz.

O accidente produciuse ás 10.35 horas da mañá, cando a septuaxenaria foi atropelada por un vehículo na rúa Salvador de Madariaga.

Para auxiliar a vítima, o 112 mobilizou os bombeiros de Barreiros, o GES de Cervo, a Policía Local e  Protección Civil.

Tamén foi mobilizado o 061, que se ocupou de evacuar a vítima nunha ambulancia de soporte vital básico ao Hospital da Mariña.