Bloquean durante horas a A-6 en dirección á Coruña a causa dun accidente en Baralla
O condutor dun camión frigorífico quedou ferido ao envorcar nunha saída de vía na A-6 punto quilométrico 471 sentido A Coruña. Aconteceu ás 4:11 da madrugada, á altura da parroquia de Sobrado de Picato, no concello lucense de Baralla.
O mal tempo puido ser a causa que levou o vehículo a saír da vía. Levou por diante 100 metros de valado e rematou envorcado no medio da calzada. O condutor quedou ferido leve e trasladárono ao hospital de Lugo.
Toda a mercadoría que transportaba quedou esparexida pola calzada, pero o máis complicado foi retirar o camión, para o que precisaron a intervención dun guindastre de gran tonelaxe.
Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que para facilitar as tarefas de retirada do vehículo sinistrado foi necesario interromper a circulación en ambos carrís da calzada. Quedou habilitado temporalmente un desvío pola N-VI, á altura do punto quilométrico 469, aínda que agora xa non hai problemas de retención.