Ferido grave o condutor dun turismo en Ourense
Ferido grave o condutor dun turismo que chocou contra unha furgoneta en Ourense. Chovía con intensidade e o condutor do turismo perdeu o control do vehículo, invadiu o carril contrario e bateu contra a furgoneta. Tiveron que sacalo os bombeiros.
Os bombeiros de Ourense tiveron que intervir neste aparatoso accidente. Foi preciso liberar o condutor do turismo, que quedou atrapado polas pernas.
Nicanor Muñoz, sarxento dos Bombeiros de Ourense: "Gañar espazo suficiente para podelo retirar, liberar as partes aprisionadas e xa, os medios sanitarios poder facerse cargo del. Tiña consciencia e mobilidade".
O sinistro ocorreu ás 8.45 da mañá, nun momento en que chovía intensamente.
O turismo, conducido por un veciño de Vigo, circulaba en sentido Ourense pola Nacional 120, á altura do lugar de Quintela. Saíu do seu carril e invadiu o contrario, batendo de fronte contra unha furgoneta que se dirixía a unha das naves da zona. O turismo levou a peor parte.
Nicanor Muñoz, sarxento dos Bombeiros de Ourense: "Son coches de tecnoloxía vella e a célula de seguridade do vehículo foi superada, quedando as pernas atrapadas".
Os traballos de liberación da vía prolongáronse durante algo máis dunha hora con retencións puntuais do tráfico.