CRTVG

Buscar

Ferida grave unha muller tras ser atropelada na Coruña

Publicado o 07/01/2021 13:34

A Policía Local da Coruña investiga o accidente que aconteceu pouco antes das nove da mañá. Daquela, unha muller cruzaba a Nacional 550 por unha zona non habilitada para os peóns e foi alcanzada por un turismo.

Ela quedou ferida grave e tivo que ser trasladada ao Complexo Hospitalario da Coruña. A condutora do coche implicado sufriu unha crise de ansiedade e foi atendida no mesmo lugar dos feitos.

"É unha zona moi perigosa e hoxe, co xeo que hai... esvararía ou sabe Deus...", di unha veciña do barrio de Pedralonga.

Son moitos os que, sabendo do perigo, recoñecen cruzar por esta zona en que, segundo din, os accidentes non son illados.

"É que non temos outro lugar para ir facer a compra, por exemplo. Perigoso claro que é, porque hai moitos carrís e moito tráfico", engade outro veciño.

Para evitar todo este tipo de sucesos, os veciños levan décadas esixindo a contrución dunha pasarela peonil entre os barrios de Pedralonga e Palavea.

"Levamos máis de trinta anos esixindo esas melloras. A pasarela é necesaria, nesa zona non hai nin un paso de peóns". "Din que a pasarela xa está aprobada... xa veremos...", explica a veciñanza.

O certo é que o Ministerio de Transportes e Mobilidade xa aprobou o proxecto e a licitación do paso elevado, unha intervención que consiste nunha das tres fases da agardada ampliación de Alfonso Molina.

Noticias web

07/01/2021