CRTVG

Buscar

Felipe González e Mariano Rajoy chaman ao consenso para a reconstrución

Publicado o 02/10/2020 20:37

A reconstrución tras o coronavirus seguiu acaparando os debates na segunda xornada do Foro A Toxa, hoxe cos expresidentes Felipe González e Mariano Rajoy chamando ao consenso entre as forzas políticas.

Fixérono un pola mañá e outro pola tarde, e con mensaxes neste punto totalmente coincidentes.

Felipe González explicouno nunha mesa sobre o impacto do coronavirus en América Latina, que o expresidente trasladou ao panorama nacional. Dixo que estamos nunha situación marcada por unha incerteza sen precedentes que esixe entrar nunha dinámica de pactos entre as forzas políticas.

Canda el, o gobernador do Banco de España defendeu que a crise fai aínda máis urxentes as reformas estruturais que xa viña demandando para a economía española.

González esixe unha 'dinámica de pactos' fronte ao coronavirus

Nin a caída do Muro, nin as guerras dos Balcáns ou Iraq. González admite que nunca viu unha incerteza como a actual. Para saír dela, considera imprescindible os acordos entre diferentes.

"E non vai ser un só pacto, vai ser unha dinámica de pactos que permitan adaptarnos a esa incerteza que nos está perseguindo", dixo o expresidente do Goberno.

O Gobernador do Banco de España, Pablo Hernández de Cos, cre que a crise fai aínda máis urxentes as reformas estruturais que xa demandaban antes do coronavirus.

Hernández de Cos defende os estímulos para manter a actividade económica, pero pide mirar máis aló.

"Ese expansionismo fiscal de curto prazo ten que vir acompañado dun deseño dun programa de consolidación fiscal que non é para aplicar hoxe, pero si mañá", afirmou.

Foi nunha mesa en que España compartiu protagonismo con América Latina. O execonomista xefe do Banco Interamericano de Desenvolvemento alertou de que o coronavirus ameaza con facer retroceder a renta per cápita daquel espazo a niveis de hai 25 anos.

Rajoy cre 'lamentable' a falta de colaboración entre administracións

Pola mañá, foi Mariano Rajoy quen fixo o seu diagnóstico dos tempos que estamos vivindo. Cre que o Goberno fixo unha mala valoración dos riscos ao inicio da crise e puxo especial énfase na falta de acordo entre administracións como un dos maiores lastres para superar a situación actual.

Foi nun coloquio no que tamén participou o vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos, defendeu que agora mesmo non hai outra alternativa que gastar e endebedarse, pero advertiu tamén que a medio prazo haberá que pensar en como axustar outra vez as contas públicas. 

A apelación ao consenso foi unha das constantes nos debates do foro. Os empresarios que pasaron pola Toxa sinalábano como unha das claves para recuperar a confianza dos consumidores, sen a cal, advirten, de pouco valen as axudas públicas.

"Vímolo este ano co plan RENOVE e MOVES. Pensamos que as vendas ían subir e o único que fixeron foi non baixar", dixo José Vicente de los Mozos, director xeral adxunto de Renault.

O número dous do Banco Central Europeo puxo cifras á debacle: a economía europea caerá un 8% este ano. Luis de Guindos admite que agora toca gastar, pero avisa: nalgún momento haberá que volver a axustar o cinto das contas públicas.

"A cuestión fundamental á que nos imos enfrontar nas vindeiras semanas e meses é se a pandemia vai deixar cicatrices permanentes na nosa economía.", engadiu de Guindos.

E as apelacións ao consenso volveron co expresidente do Goberno. Mariano Rajoy xulgaba lamentable o desencontro entre administracións.

"Podemos pelexar pola tarifa do IRPF, gústame máis, menos, pero nunha situación como a que estamos vivindo, con xente falecendo, non é de recibo que non haxa un entendemento e un acordo. E repito: quen está máis arriba é o que ten maior responsabilidade", manifestou o expresidente do Goberno.

Noticias web

02/10/2020