CRTVG

Buscar

Feijóo: "Sánchez veu a Galicia con descualificacións e non con solucións"

Publicado o 24/02/2020 13:09

• O presidente da Xunta supón o PP ten "as súas razóns" e espera que acerte no País Vasco

O presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, criticou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expuxese onte en Galicia "descualificacións" e non "solucións", como, por exemplo, "os 370 millóns de euros que nos deben" da liquidación do IVE de 2017.

Feijóo referiuse desta maneira ao mitin do PSOE onte en Santiago de Compostela en que Pedro Sánchez o acusou de practicar "a política do PP ás agachadas" e de ocultar as siglas do seu partido, que representan, segundo dixo, "corrupción, confrontación territorial e retroceso social".

En declaracións aos medios en Salvaterra de Miño, onde se reuniu este luns con representantes da industria vinícola do sur da provincia de Pontevedra, Feijóo afirmou que "a maioría dos galegos" quedaron "sorprendidos" polas manifestacións de Sánchez.

"É unha pena que o presidente do Goberno non veña a Galicia expoñer solucións, só vén expoñer descualificacións. Comprendo que as descualificacións son gratis e as solucións custan 370 millóns, que é o que nos deben", sintetizou.

"Se a proposta que ten para Galicia o presidente do Goberno é descualificar o presidente da comunidade autónoma e non achegar ningunha solución, por exemplo, aos traballadores de Alcoa, que van quedar sen o seu posto de traballo nos próximos meses, define un pouco o compromiso que ten con Galicia", abundou.

Ironizou con que, de tanto nomealo, van acabar "gastándolle" o apelido, e garantiu que el non entrará nesa dinámica e que se centrará no que o único que lle interesa, en Galicia.

"Vou defender Galicia. Se lle parece ben ao presidente do Goberno, estaremos de acordo, e se non, estaremos en desacordo (...) O meu compromiso é Galicia. Os galegos sábeno e tomarán a súa decisión cando se lles consulte" nas urnas o próximo 5 de abril, resolveu.

Feijóo supón o PP ten "as súas razóns" e espera que acerte no País Vasco

Alberto Núñez Feijóo afirmou este luns que non dispón de "toda a información" sobre a elección de Carlos Iturgaiz como candidato a lehendakari, en detrimento de Alfonso Alonso, e supuxo que o partido terá "as súas razóns".

Feijóo, que se desfixo en eloxios cara a Alonso e Iturgaiz, non entrou nas formas da devandita elección e desexou que con ela o partido acertase.

"Que é o que ocorreu? Como ocorreu? E cal é o contido e o alcance de todo o que ocorreu? Comprenderán que eu esa información non a teño. O que quero é que se acertase nesa decisión. É o que buscamos e esperamos", sinalou en declaracións aos medios en Salvaterra de Miño.

Feijóo esgrimiu que "en política, ás veces, as cousas non son o que parecen e ás veces teñen unhas razóns que non todos coñecemos con detalle", e a esas razóns que, afirma, descoñece, remitiu a decisión de Xénova.

Reiterou a súa "admiración política e persoal" cara a Alfonso Alonso, así como o "afecto, simpatía e admiración" que sente por Carlos Iturgaiz, "un vello amigo".

Sobre a figura de Iturgaiz, abundou en que "ninguén pode discutir" que achegou ao PP do País Vasco "vitorias importantes, cun grupo de 15-16 deputados. Espero que nesta volta á actualidade tamén teña bos resultados electorais", desexou.

Tampouco se poden cuestionar, segundo o líder do PP galego, os "servizos" de Iturgaiz ao PP nin "o seu compromiso coa Constitución española, coa liberdade e cunha política útil. A partir de aí, correspóndelle a el como candidato tomar as decisións e as orientacións que considere oportuno".

"Estas cousas son así. Temos que apoialo para que teña uns bos resultados", pechou.