CRTVG

Buscar

A Xunta rexeita o estado de alarma e propón unha lei orgánica de saúde

Publicado o 26/08/2020 15:40

As comunidades distáncianse da oferta do Goberno

• Feijóo: "Haberá máis risco de contaxio fóra das aulas que dentro"

• Anuncia que haberá sancións por incumprir as corentenas

• A vacinación da gripe comezará o 12 de outubro con 865.832 doses 

Tras reunirse co comité clínico, o presidente en funcións da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo compareceu para dar conta da evolución da pandemia. Nela, fixo balance da situación epidemiolóxica, valorou o protocolo de volta ás aulas e anunciou que remitirá ao Goberno central unha proposta de Lei orgánica de saúde.

Proposta de lei orgánica de saúde

Feijóo lamentou que o Goberno siga acudindo ao estado de alarma como ferramenta xurídica para controlar a pandemia. "Cinco meses despois, seguimos na casa de saída".

Dada a longa duración da pandemia, entende que o estado de alarma "non é útil para xestionar unha situación que é cotiá", e que "non ofrece respostas específicas". O que se precisa para xestionar a pandemia, dixo Feijóo, "é unha lexislación sanitaria, que seguimos reclamando".

Neste sentido, o presidente en funcións anunciou que a Xunta esta "ultimando" unha proposta de Lei orgánica de saúde pública para o Goberno central, con vontade "construtiva" e que "é imprescindible". É, segundo Feijóo, un "instrumento de enorme potencia" para xestionar a pandemia que evita que haxa "dezasete criterios", evitando incoherencias.

"Agradecemos ao presidente a confianza que ten en nós, pero non pode ter dezasete 'confianzas' distintas", concluíu.

Volta ao colexio

O que máis tempo ocupou da reunión foi a volta ás aulas, indicou Feijóo. "Non é sinxelo planificar a volta ao colexio en plena pandemia", un traballo "arduo, complexo, difícil, pero inevitable", dixo.

Feijóo fixo un chamamento á calma dos pais. "Pedimos tranquilidade. Sabemos o que estamos facendo, sabemos a importacia do inicio do curso". "É indelegable esa xestión", engadiu.

Feijóo lamenta e incide na ausencia do protocolo único, demandando por algunhas comunidades, entre elas Galicia. Lembra tamén que non se celebrou aínda a Conferencia de presidentes monográfica e que "lamentablemente" seguen sen data.

"Necesitamos criterios homoxéneos, necesitamos coordinación, non improvisar". "Imos acumulando restraso a restraso, semana a semana, mes a mes", o que é "unha inacción que é un erro, que non ten xustificación", dixo.

"Levamos en Galicia traballando nun protocolo" que "levamos perfeccionando" dende xuño, que "está sendo pulido polas Consellerías de Sanidade e educación" e que "seguiremos actualizando ata a segunda semana de setembro".

Anunciou 158 unidades máis, contratación de 1000 profesores máis. Ademais, explicou queseimpartiría cursos de formación específica a 4.000 profesores como equipos covid nos centros, isto é, o 10% dos profesores "con formación e información para axudar á comunidade educativa".

Lembrou que dentro das medidas contempladas polo protocolo, está a "decisión de que todos os alumnos acudan a clase con máscara ás clases" e que os profesores vaian "con máscara, pantalla ou máscara e pantalla".

"É un protocolo exhaustivo", que recolle todas as fases, dende "antes de entrar ao colexio". O protocolo contempla "un escenario de ensinanza claramente presencial", e explica "como seguir esa clase" en caso de gromo.

"Haberá máis risco de contaxio fóra das aulas, que dentro das aulas. A aula será un lugar moito máis seguro que outros lugares que os rapaces frecuentan", asegurou Feijóo.

Evolución da covid-19 en Galicia

Ao comezo da súa intervención, o presidente en funcións da Xunta valorou os datos actualizados polo Sergas no tocante aos casos activos.

"Seguimos nunha situación epidemiolóxica menos mala" que a media, mais "non podemos relaxarnos nin darnos por satisfeitos".

Feijóo lembrou que a incidencia acumulada dos últimos sete días é case o dobre en España que a media de Galicia, 52 caos por cen mil fronte a 90 casos por cen mil en cifras redondas, segundo indicou.

Pediu dimensionar e contextualizar, as cifras sobre todo ao facer comparativas coa situación vivida na primeira vaga. Apuntou que o aumento de PCR inflúe na detección (e aumento) de casos activos, e que debemos atender "ás hospitalizacións", especialmente "en camas de UCI", pois "hoxe estamos un 93% de persoas menos que no pico da pandemia" en ocupación de camas en hospitais. 

A situación na Coruña "segue a ser preocupante"

Facendo balance da situación na área sanitaria da Coruña, o presidente en funcións da Xunta asegurou que "a situación segue a ser preocupante", aínda que "parece que empeza a estabilizarse". Os 37 casos activos rexistrados hoxe, explicou Feijóo, abren "unha ventá de esperanza".

Maior control do cumprimento de corentenas

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a súa intención de fixar un protocolo para o cumprimento das corentenas mediante unha normativa que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Deste xeito, tras asistir á reunión do comité clínico que asesora ao Goberno galego, Núñez Feijóo explicou que o texto sobre o cumprimento das corentenas por contactos estreitos con positivos de covid-19 incluirá instrucións para "sancionar" no caso de que se incumpran as medidas de illamento.

Esta decisión adóptase xa que, ao seu xuízo, a pesar de que a cidadanía está a responder con “absoluta responsabilidade" ás recomendacións sobre illamento tras manter un contacto estreito cunha persoa contaxiada, "é necesario ter claro que criterios seguir e que facer".

Así, contemplará actuacións para activar “illamentos forzosos” con garantías de “proporcionalidade” no caso de que non exista colaboración “voluntaria” por parte do cidadán.

En todo caso, Núñez Feijóo mostrou o seu desexo de que se marcase unha “sanción homoxénea” a nivel estatal a este respecto para que as sancións non variasen en función de cada comunidade.

Así mesmo, o DOG tamén recolle desde hoxe a redacción dun texto un protocolo mediante o que se faculta ás forzas da orde para que adopten medidas como a suspensión de espectáculos e desaloxo de establecementos no caso de que se produzan "incumprimentos manifestos".

Con esta normativa, dáselle “autoridade” ás forzas da orde para en primeiro lugar “facer a advertencia previa” ante un incumprimento e, en caso de non cambiar a conduta, poder “clausurar” o evento e deste xeito “actuar con inmediatez”.

Preparados para a campaña da gripe

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este mércores que se redobrarán os esforzos na campaña da gripe xa que se buscará chegar a un maior número de cidadáns, en especial a aquela poboación maior de 65 anos.

O obxectivo, dixo Núñez Feijóo tras asistir á reunión do comité clínico, é conseguir que o 75 % das persoas maiores de 65 anos en Galicia estea vacinada ante o risco que supón tamén a pandemia sanitaria da covid-19.

Deste xeito, a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos vacinada coa antigripal ascendería nun total de 15 puntos respecto ao pasado ano.

Para iso, este ano, a Xunta comprará 200.000 doses máis que o ano pasado, chegando ás 865.832 doses e con 900 puntos de vacinación.

A campaña de vacinación da gripe en Galicia comezará o 12 de outubro e durará doce semanas. "Ante un inverno que non sabemos que nos vai a deparar pola convivencia entre gripe e  Covid, redobramos o esforzo nunha nova campaña", remarcou o xefe do Executivo autonómico.