CRTVG

Buscar

Feijóo recoñece que o coronavirus pode afectar o desenvolvemento da campaña

Publicado o 10/03/2020 11:32
Feijóo recoñece que o coronavirus pode afectar o desenvolvemento da campaña

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu que "España xa está nunha situación máis preocupante que nas últimas semanas" en relación coa evolución do coronavirus e afirmou que esta situación pode influír no desenvolvemento da propia campaña electoral para as eleccións autonómicas do 5 de abril.

"Imos ir vendo como vai este asunto. É evidente que está a afectar a campaña electoral e nos próximos días veremos cal é a evolución do País Vasco", dixo Feijóo, que recoñeceu que a evolución do coronavirus tamén pode influír en Galicia.

Por iso, anunciou que o "comité de campaña valorará que actos non teñen problema" e por tanto pódense seguir realizando, aínda que sobre algúns outros se decidirá, en función da situación, "se continúan ou non continúan".

Nese sentido, lembrou que a coordinación co Ministerio de Sanidade segue sendo "intensa".

"Hoxe vanse tomar medidas no Consello de Ministros. Entendo que van afectar o conxunto do país e, en base ás medidas e á evolución dos próximos días, iremos informando a xente e tomando decisións", declarou.

O titular da Xunta asegurou que hai que lanzar "unha mensaxe moi clara", porque "temos un problema de saúde pública" e, aínda que en "Galicia neste momento non é alarmante", é "un problema, e os problemas primeiro hai que admitilos e, en segundo lugar, facer un bo diagnóstico dos mesmos e un bo tratamento".

Feijóo precisou que "Galicia é un dos lugares con menor afectación do virus, pero iso non significa que nas próximas semanas teñamos un aumento, como tiveron outros territorios que hai unhas semanas non tiñan maior preocupación e hoxe si están preocupados".

"Imos reunirnos esta tarde. Vou estar nesa reunión interdepartamental, de todas as consellerías, e imos analizar a situación. É verdade que Galicia está nunha situación máis benigna que o resto de España, pero non lles oculto que estamos preocupados, porque o impacto que está a ter -o coronavirus- en todo o país é un impacto potente", dixo Feijóo.

Antes de participar nun acto electoral en Lugo, o presidente da Xunta de Galicia dixo que se vai a seguir "traballando" e "informando á poboación en tempo real".

Tamén confirmou que se seguirá "incrementando o persoal -sanitario- e reforzándoo", ademais de valorar se se necesita comprar máis "aparataxe" para os centros sanitarios galegos, "máis que porque o necesitemos hoxe, para previr algúns problemas que podemos ter no futuro".

"É verdade que Galicia está nunha situación moito mellor que o resto do país, pero tamén é verdade que temos que estar igual de activados, coma se estivésemos na mesma situación que outras comunidades autónomas", insistiu.

“Estamos activados. Non estamos alarmados, pero si alertados de que este impacto en materia de saúde pública está a afectar moitos países", dixo Feijóo, quen lembrou que se alguén percibe "algunha sintomatoloxía" dese virus o recomendable é "chamar desde casa" aos teléfonos habilitados, para que se desprace "persoal a domicilio e comprobar se hai algún infectado ou non". Ademais, lembrou a necesidade de seguir "as pautas de hixiene" establecidas.

"Pedimos acougo e calma. Pero tamén que a xente evite desprazamentos a lugares onde ese virus ten maior prevalencia", engadiu, e "sobre todo que a xente maior estea activada e en contacto" cos servizos sanitarios "a través do teléfono, desde a súa casa, con maior confortabilidade e con maior seguridade".