CRTVG

Buscar

Galicia propón que a partir dos seis anos sexa obrigatorio usar máscara nas escolas

Publicado o 19/08/2020 21:04

• Feijóo volve esixirlle ao Goberno un protocolo único para a volta ao colexio | Illa e Celaá reúnense coas comunidades o 27 para tratar o inicio do curso | A Xunta mantén as restricións na área da Coruña

 

Feijóo propón facer obrigatorio o uso de máscara nas escolas, tanto dentro como fóra das aulas, a partir dos seis anos, logo de reunirse co comité clínico de expertos sanitarios.

O presidente en funcións da Xunta asegurou que "o que máis nos preocupa é a volta ao colexio, porque é o que máis lles preocupa ás familias galegas".

Feijóo volve reclamar e delegar no Goberno central a responsabilidade de elaborar un protocolo para a volta ás aulas. "Levamos reclamando a necesidade de establecer un protocolo único" para a volta ao colexio, pois, indica, "necesitamos criterios claros e homoxéneos, non pode haber dezasete protocolos distintos".

Tamén indica que todos os profesores non universitarios e de formación profesional terán que realizar un test serolóxico antes da súa incorporación, a partir da semana que vén. Son preto de 40.000 profesionais.

Seguen as restricións na área da Coruña

Na área da Coruña seguirán as restricións, cando menos, ata o venres. Foi o anuncio do presidente da Xunta en funcións Alberto Núñez Feijóo, quen sinalou tras reunirse co comité clínico de expertos sanitarios que "non existe unha transmisión a outras zonas da provincia da Coruña ou do resto de Galicia".

Tamén anuncia que volverá reunirse co comité o próximo venres, día en que valorará impoñer máis medidas restritivas, sobre todo en canto á ocupación. Fixo fincapé na necesidade de cumprir as medidas para que a evolución sexa positiva.