CRTVG

Buscar

Feijóo di que o PP é "a única alternativa" ao Goberno de Sánchez

Publicado o 18/01/2019 21:04

A primeira convención do PP con Pablo Casado como presidente da formación inaugurouna Alberto Núñez Feijóo, elixido por Casado como coordinador deste encontro. O presidente dos populares galegos defendou que é un orgullo ser do PP. 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu "reafirmar" o Partido Popular na Convención Nacional que se celebra esta fin de semana e recalcou que é a "única alternativa" ao Goberno de Pedro Sánchez cos seus "socios independentistas, nacionalistas e populistas". "Ou gobernan eles ou gobernamos nós. Lamentablemente non hai outras posibilidades", declaroulles aos xornalistas a súa chegada ao conclave do PP que se celebra no Ifema de Madrid baixo o lema 'España en liberdade'.

En parecidos termos expresouse pouco despois o líder do PP, Pablo Casado, quen sinalou que esta convención é o "primeiro paso" para que volvan ao Palacio da Moncloa e engadiu que en España só hai dúas "alternativas": un goberno liderado polo PP ou outro de socialistas con "populistas, independentistas e aliados cos batasunos".

"Un partido unido"

Feijóo insistiu en que o PP é a "alternativa" ao Executivo socialista e "os seus socios". "O PP leva 30 anos e imos seguir traballando para que leve 30 anos máis", proclamou, para engadir que esta fin de semana van reafirmar " e "reivindicar" ao partido.

Tras asegurar que se sente "orgulloso" de ser do PP, Feijóo sinalou que son unha formación que vai seguir traballando para ser "útil" á sociedade. "Non está mal, dadas as circunstancias doutros partidos, ter un partido unido en España", concluíu.

Noticias web

18/01/2019