CRTVG

Buscar

Feijóo pedirá unha convocatoria de MIR para médicos de familia e pediatras

Publicado o 17/01/2019 08:48

Alberto Núñez Feijóo anuncia que lle vai pedir ao Goberno central unha convocatoria extraordinaria de MIR para prazas de médicos de familia e pediatras. O presidente da Xunta compareceu na comisión de investigación sobre os recortes sanitarios. Dixo que Galicia ten unha sanidade pública excelente, aínda que mellorable e necesitada dalgunhas reformas. 

Núñez Feijóo entende que hai falta de profesionais en Atención Primaria, sobre todo médicos de familia e pediatras. Tamén cre necesario renovar o modelo de funcionamento das urxencias e dos PAC. Feijóo foi o último comparecente nunha comisión creada polos grupos da oposición, pero que decidiron abandonar ao non estar de acordo coa lista de intervenientes. O presidente cre que esa actitude é propia da crítica destrutiva.

Foi hora e media de comparecencia en que só tivo resposta por parte do voceiro do grupo popular. O presidente da Xunta reivindicou a sanidade pública como unha obra de todos, comezando polos profesionais. Asegurou que os datos demostran que o noso sistema é comparable aos mellores do mundo. Pero precisa de reformas e escoitará todas as achegas que vaian na procura desa mellora.

Reaccións da oposición

Os voceiros da oposición quixeron dar a súa opinión sobre esa comparecencia. Din que non son certos os datos sobre investimentos en aumento de persoal. Os socialistas consideran positivo que Feijóo recoñeza xa que algunhas cousas non funcionan ben no Sergas.

 

 

 

Noticias web

17/01/2019