CRTVG

Buscar

Feijóo: "Non podemos avalar o plan do Goberno porque non foi consensuado"

Publicado o 29/04/2020 14:50

• Quéixase do "papel testemuñal" que segundo di ten as comunidades autónomas

• Defende unha desescalada por provincias e atender á situación do rural

• "As eleccións, no momento de certeza sanitaria. Espero que no 2020"

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo hoxe en conferencia de prensa telemática que "Galicia non pode avalar" o plan de desescalada anunciado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

"Non foi negociado nin moito menos consensuado coas comunidades autónomas", dixo Núñez Feijóo, que engadiu que "ten lagoas de eficacia e de utilidade".

"Tras unha primeira análise debemos dicir que é un plan con algunhas luces e lamentablemente moitas sombras", dixo. Ademais, quéixase de que as comunidades autónomas únicamente teñan un "papel testemuñal".

Por outra banda, Núñez Feijóo insistiu en que o plan de desescalada non cambiou en "nada" a súa postura sobre a celebración dos comicios galegos que, "teñen que celebrarse no momento de maior certidume". Incidiu na mensaxe de no Goberno galego "non estamos niso", cando "teña algo que dicir, direino".

Con todo, o decreto polo que se suspenderon os comicios autonómicos indica que a "convocatoria das eleccións ao Parlamento galego activarase unha vez levantada a declaración do Estado de alarma e de emerxencia sanitaria". Nese sentido, Núñez Feijóo opinou que "España non merece seis semanas de estado de alarma máis", porque "non podemos falar de normalidade" nun marco excepcional como o do estado alarma.

Segundo Núñez Feijóo, hai que traballar noutras "fórmulas" que non sexan o estado de alarma, poque cre que desde o punto de vista democrático e legal non é "neste momento" o mecanismo máis acertado.