CRTVG

Buscar

Feijóo mantén a intención de esgotar mandato e suxire que non retocará o seu Goberno: "Funciona con absoluta fluidez"

Publicado o 30/12/2019 12:39

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén "neste momento" a intención de esgotar o mandato, xa que non ve "razóns" que xustifiquen adiantar as eleccións galegas que tocarían no outono de 2020 e suxire que tampouco contempla cambios no equipo de goberno, ao entender que o seu gabinete "funciona con absoluta fluidez".   

"Non temos neste momento ningunha causa para non pensar en esgotar a lexislatura. Hai un orzamento que acabamos de aprobar, estabilidade parlamentaria, un goberno que funciona e temos que dar estabilidade política nunha España na que a inestabilidade xa empeza a facerse crónica", argumentou, nunha entrevista concedida a Europa Press.   

Das palabras do presidente galego despréndese, ademais, que está satisfeito co seu actual Executivo, que ve "moi adestrado e moi formado nas cousas da súa competencia". Nesta conxuntura, defendeu que "funciona con absoluta fluidez" e tamén puxo en valor que se traballa "con absoluta solidariedade" entre os membros do Goberno.   

"Os acertos son do Goberno e as equivocacións tamén, empezando polo presidente. Hai cousas que as facemos mellor e outras que temos que mellorar. A responsabilidade é mancomunada", dixo, nun escenario en que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, se converteu en obxecto dos dardos da oposición, que pide o seu cesamento por decisións como o peche da sala de partos de Verín.   

Así, Feijóo defendeu que está centrado en dar a Galicia "a estabilidade" da que, ao seu xuízo, carece a política española. De feito, subliñou que "nunca" podería imaxinar que, a pesar de ter unhas eleccións autonómicas en 2020, houbese "máis estabilidade" na comunidade que en España, cun goberno "que segue sen constituírse desde o mes de abril".   

Por iso, a pesar de que todas as miradas dentro e fóra do PPdeG están pendentes de que revele o seu futuro e se optará a un cuarto mandato na Xunta, el insiste: "Neste contexto de frivolidade política, de ruptura do status xurídico, constitucional e institucional que hai en España, o que menos importa é dar a coñecer o candidato do PP en Galicia".

Segundo trasladou, mantén a folla de ruta de revelar o que vai facer no primeiro trimestre do ano próximo. De feito, defendeu que non ten "a decisión definitivamente tomada". "As decisións hai que tomalas nos tempos nos que procede e temos o primeiro trimestre de 2020 para tomala", aseverou.

Feijóo, quen defendeu no seu día que dous mandatos eran suficientes, evitou responder acerca de se agora se pon un tope, pero si xustificou o paso que deu ao presentarse por terceira vez en 2016 e vinculouno co cambio do panorama político en España e puxo o foco sobre todo na "inestabilidade" que había no país.  

"Cando chegamos ao ano 2016 producíronse dúas eleccións, as de 2015 e as dese mesmo ano, co goberno bloqueado polo 'non é non' de (Pedro) Sánchez. E aquel 'non é non', a inestabilidade da política española e a inestabilidade do goberno da nación influíronme de forma decisiva con outro feito non menor: que non houbese ningunha maioría absoluta en España", recoñeceu.   

Ao tempo, reivindicou que, "poucos días despois" de lograr el a maioría absoluta en Galicia en 2016, "o PSOE destituíu en Ferraz o seu secretario xeral (Sánchez) e empezou a moverse a investidura do presidente Mariano Rajoy".   

"E agora estamos ante supostos mesmo se cabe máis excepcionais, porque estamos no caso de que o 'non é non' ao presidente Rajoy converteuse no 'non é non' ao PP", subliñou Feijóo, antes de matizar que a actual tesitura, aínda que hai algunha maioría absoluta máis en España, é "moi complexa".   

Á espera de confirmar se opta ou non a un cuarto mandato, preguntado acerca de se pactaría con Vox se se dese a conxuntura e o PPdeG o precisase para manter o Goberno, respondeu que el "non" ve a Vox nin tampouco a Ciudadanos (Cs) dentro do Parlamento autonómico. 

En relación a se para el sería un reto persoal igualar a Manuel Fraga en vitorias electorais, contestou que cando conclúa este mandato xa "empataría" con el "desde o punto de vista do tempo dedicado á política galega", se suma os seus tres mandatos e a lexislatura que estivo na oposición.   

E ironizou, preguntado acerca de se renuncia de forma definitiva a dar o salto á política estatal: "Eu o que quero non é que pase o tren a Madrid, o que quero é que chegue o tren de Madrid a Galicia". Engadiu que el segue "aquí" mentres "moitos" dos que lle situaban en Madrid son os que se han ir ou están xa "fóra" da política.   

A reflexión sobre o seu futuro e o "tren a Madrid" serviu a Feijóo para incidir nos "incumprimentos" do Goberno de Sánchez en relación ao AVE a Galicia, despois de "certificar que non está concluído en 2019". "Lamentablemente, neste momento non teño a certeza de que o AVE estea sequera no ano 2021", subliñou.   

Así, manifestou o seu desexo de poder ter unha reunión "leal e seria" co ministro que tome posesión de Fomento para poder "concretar a chegada do AVE". Máis aló, no ámbito das infraestruturas, manterá outra das demandas incluída na "axenda galega" que puxo sobre a mesa antes das xerais: o traspaso da AP-9, aínda que a súa "prioridade" é a política de portaxes.   

Nesta conxuntura, na liña do que fai a Xunta coas autoestradas de titularidade autonómica, urxiu descontos na AP-9 para quen a usan de forma habitual e para ir traballar. Así mesmo, após afear que se manteña pendente parte da débeda de 700 millóns que reclama a Xunta ao Executivo central, preguntouse que farán o BNG e os deputados de Galicia en Común ante a investidura de Sánchez.

En clave social, ratificou que en 2020 o impulso demográfico estará entre as prioridades políticas do seu Goberno. "Temos que pór unha data rápida para que, por primeira vez en España, as familias non paguen as gardarías a partir do segundo fillo", impúxose. 

Sobre a polémica a raíz do peche da sala de partos do hospital de Verín, admitiu que "fallou" a comunicación e insistiu na "emerxencia" que supón a falta de pediatras. De feito, advertiu que, a día de hoxe, as prazas convocadas aínda non foron cubertas.   

"Xa me gustaría ter pediatras en Verín", remarcou, pero insistiu en que a problemática non é exclusiva da Comunidade e exemplificou con que "o 25 por cento das prazas de pediatría en España están a ocupalas médicos de familia por falta de pediatras". De feito, puntualizou que en Galicia esa porcentaxe "non chega ao 13 por cento".   

Así, defendeu que os gobernos están "para tomar decisións" que ás veces poden estar "mal comunicadas" ou "incorrectamente contadas". "Pero o importante é que é unha decisión que preservou a seguridade dos bebés", defendeu.   

En clave política, censurou a "deslealdade" da oposición ao atacalo con este asunto. Pero, ao tempo, ha justificado "pola presión" que alcaldes da zona, que son "amigos persoais" seus "desde hai décadas", e outros dirixentes do PP ourensán, con Manuel Baltar á fronte, esixísenlle "rectificar. Aínda non "compartindo" a súa postura, concluíu que a súa "obrigación" é "entendelo".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí