CRTVG

Buscar

Feijóo insta a Sánchez a non permitir que a violencia siga marcando a axenda en Cataluña

Publicado o 21/10/2019 14:16

O presidente da Xunta insta a Pedro Sánchez a non permitir que a violencia siga marcando a axenda en Cataluña. Para Alberto Núñez Feijóo, Moncloa non pode seguir pasando por alto a actitude de Quim Torra á fronte da Generalitat.

O presidente da Xunta afirmou este luns que o que está a suceder en Cataluña e, de forma concreta nas rúas de Barcelona, non é "un problema de orde pública", senón "un problema de insubmisión política", porque o "presidente da Generalitat é o primeiro en cortar as autovías e o primeiro en dicir que vai declarar outra vez a independencia".

Segundo Feijóo, é Torra o que di que "teñen que seguir os violentos facendo e actuando con violencia en Cataluña". "É un presidente autonómico máis. Hai dezasete presidentes autonómicos en España. Este señor non pode facer o que lle dea a gana, porque ningún presidente autonómico, nin ningún ministro, nin ningún presidente do Goberno poden facer o que lles dea a gana", engadiu.

O xefe do executivo galego lembrou que "o que estamos a ver é que ese presidente négase a condenar a violencia. Négase a comprometerse co Estado de dereito e insiste en declarar a independencia". Se ante iso "non se fai nada", engadiu, "vai parecer que calquera persoa, polo feito de ser independentista ou nacionalista", ou "ser socio do Partido Socialista en concellos cataláns ou na Deputación de Barcelona" pode "facer ou dicir o que queira".

"Isto paréceme especialmente grave. Non queremos precipitarnos, pero tampouco nos imos a calar. Esta situación é especialmente grave e o Goberno ten que tomar decisións", dixo Feijóo.

"O que creo é que estamos nunha situación especialmente grave, porque estamos a ver que non se mantén a seguridade para o 100% das persoas en Cataluña e estamos a ver que hai unha serie de grupos, alentados por políticos cataláns, que manteñen un estado de sitio no centro de Barcelona e tamén en lugares importantes de Xirona e noutras localidades catalás", dixo Feijóo.

Por iso, afirmou que "o estado de sitio e o estado de excepción están a marcalo os grupos violentos" e "é a primeira vez que un Goberno está a alentar a violencia" e negándose "co seu presidente á fronte a condenar este tipo de actos e de formulacións de kale borroka".

Lembrou, así mesmo, que "se os políticos que foron condenados polo Tribunal Supremo han de cumprir as sentenzas nos cárceres cataláns, cuxa xestión lle corresponde ao Goberno da Generalitat, e ese goberno non quere cumprir as sentenzas, isto xunto coa violencia nas rúas supón que debemos valorar que decisións tomar". Desde o seu punto de vista, "a única decisión que non se pode tomar é non facer nada".

Precisou, en todo caso, que "a intensidade das decisións, a concreción das mesmas e o seu calendario, xa lle corresponde ao Goberno, ao que estamos a apoiar". O "problema", segundo Feijóo, é que o Goberno presidido por Pedro Sánchez "non está a dar mostras da seriedade que supoñen estes actos e a gravidade dos mesmos".

"Onte vimos incidentes en Bilbao. Non sabemos que vai pasar esta noite en Cataluña. Os gobernantes non están para estar no Goberno, están para gobernar. Necesítase un Goberno central que garanta a seguridade de todos os cataláns", insistiu.

Feijóo tamén quixo mandar "unha mensaxe" de solidariedade á familia dos policías galegos feridos en Cataluña e, en concreto, á do axente que estaba destinado en Vigo, porque eses "actos violentos son absolutamente inxustificables" e un "traumatismo cranioencefálico a un policía, é algo que había moitísimos anos que non viamos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019