CRTVG

Buscar

Feijóo felicita a Sánchez pola investidura nas redes sociais

Publicado o 07/01/2020 18:59

O presidente da Xunta felicitou a Pedro Sánchez a través das redes sociais. Nun chío, Alberto Núñez Feijóo deulle os parabéns pola investidura. E desexoulle máis acerto, dixo, na eleccións dos seus socios, recordándolle que se debe a todos os españois. Feijóo tamén garantiu que serán esixentes, pero leais a España e ao interese xeral.

O BNG di que traballará por Galicia e lembra que o acordo que asinou co PSOE é só de investidura. En Marea dálle un voto de confianza ao novo goberno.

Luís Villares, voceiro de En Marea: "Nós estamos satisfeitos e satisfeitas de que se encamiñe a constitución dese Goberno progresista afincado nunha idea plurinacional clara do Estado español pero para que teña esa verdadeira natureza é necesario que cumpra".

Ana Pontón, voceira do BNG: "Este é un acordo de investidura, non é un acordo de lexislatura. Nós imos seguir tendo as mans libres á hora de defender os intereses dos galegos e das galegas e usaremos a capacidade que nos dá un escenario político complexo no Estado".


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresou a súa convicción de que a designación Pedro Sánchez como presidente do Goberno central "contribuirá a abrir unha nova etapa de progreso en Galicia". Caballero, que asistiu no Congreso dos Deputados ao debate e posterior votación de investidura de Sánchez durante este martes, expresou, nun comunicado, a súa satisfacción por ese nomeamento.

O líder do PSOE, investido con 167 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións, ten na súa axenda "os asuntos específicos de Galicia", comentou o dirixente socialista galego. Caballero enumerou entre eses asuntos o tema das infraestruturas viarias, incluídos en tema das peaxes na principal autoestrada galega, a AP-9, así como mellorar os sistemas de saúde e educación pública, favorecer a calidade da contratación laboral ou un "compromiso" coa industria galega. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí