CRTVG

Buscar

Feijóo pídelle a Ciudadanos que decida "se quere sumar de verdade" en Galicia

Publicado o 18/02/2020 13:10
Feijóo pídelle a Ciudadanos que decida "se quere sumar de verdade" en Galicia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, pediulle este martes a Ciudadanos que decida "se quere sumar de verdade" e acepta "a man aberta" que lle ofrece o seu partido nas próximas eleccións galegas e participan do "punto de encontro" que, entende, significa o PPdeG.

Tras visitar unha casa niño no Ézaro, Núñez Feijóo dixo que "Ciudadanos ten unha oportunidade" para sumar forzas, e asegurou que seguirán tentando chegar a un acordo ata o próximo 1 de marzo, cando haxa que presentar as listas.

A oferta do PPdeG a Cs pasa por integrar a algún dirixente nas listas do seu partido, sen concretar en que postos, e rexeita de plano "que desaparezan as siglas do PPdeG" porque "non tería sentido unha coalición electoral" en Galicia, lembrou Núñez Feijóo.

O presidente galego vinculou a presión do partido laranxa "ao seu congreso", xa que a proposta de sumar en Galicia, País Vasco e Cataluña fíxoa a súa portavoz e candidata á presidencia do partido, Inés Arrimadas.

"Ás veces dá a sensación de que Ciudadanos estea máis preocupado polo seu congreso que por sumar forzas tanto en Galicia como no País Vasco. Unha cousa é o seu congreso e outra son as eleccións galegas, se Ciudadanos quere sumar, o PP está á súa disposición para que esa suma sexa útil", resolveu este tema.