CRTVG

Buscar

Feijóo di que non fará política en contra da seguridade das mulleres de Verín

Publicado o 04/12/2019 15:39

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén o seu aval á decisión de pechar o paritorio do Hospital de Verín (Ourense). E é que, aínda que afirmou entender a "incomodidade" das mulleres da comarca, engadiu que a súa "conciencia" non lle permite tomar decisións "en contra do criterio dos pediatras e obstetras" da área de saúde ourensá.

"Non conte comigo para facer política en contra da seguridade das mulleres e dos bebés que nacen en Galicia", proclamou Feijóo, en resposta ás duras críticas da portavoz do BNG, Ana Pontón, quen lle preguntou ao presidente se lle gustaría que "o recorte" de servizos en Verín afectase "a súa compañeira" ou "o seu fillo", se "tivese febre e o tivese que levantar da cama para desprazarse durante 60 ou 90 minutos".

A dirixente do BNG, que está embarazada, asegurou que sente "máis segura" sabendo que non terá que desprazarse "cen quilómetros" para dar a luz. "E o que non quero para min, non o quero para as mulleres deste país", dixo, mentres Feijóo lles pediu aos nacionalistas "un pouco de respecto polo criterio clínico", que "deixen de facer demagoxia" e que "tomen en serio" a sanidade.

Antes de que o socialista Gonzalo Caballero tamén mencionase a situación da sanidade galega e afease os "recortes" ao presidente, Feijóo reafirmouse en que a decisión de pechar o paritorio de Verín se adopta por razóns de "seguridade" para as mulleres e para os neonatos.

Reproches a conta do naval

A situación do naval en Galicia --co estaleiro de Barreiras e Navantia no foco-- e Vox foron o eixo do enfrontamento verbal que tiveron este mércores no pleno o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen tamén aproveitou a sesión de control para afear ao xefe do Executivo os "recortes" na sanidade galega. "Cada día que pasa, vostede é un problema máis grande para os galegos. O seu Goberno é un lastre do que Galicia necesita desprenderse", dixo Caballero ao iniciar a súa intervención, antes de afear a Feijóo a "crise" na sanidade galega, e tamén a "crise industrial e no medio rural".

No eido industrial, aludiu ás dificultades de Barreiras e afeou que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, presente na sesión plenaria, "afirmara que non ten información nin coñece o alcance real" do estado do estaleiro. "Cando Pemex entrou en Barreiras, vostede dicía que era un éxito da Xunta. Agora, o fracaso de Pemex en Barreiras é o fracaso de Feijóo", espetou o socialista, antes de advertir que agora "só falta saber se vai saír antes Pemex de Barreiras" ou o de Vos Peares "da Xunta".

O dirixente socialista instou a Feijóo a "aplaudir" a un Goberno central, o que dirixe Pedro Sánchez, que investirá máis de 4.000 millóns de euros para as fragatas de Navantia, o desembolso "máis grande despois do AVE" para a comunidade galega. "Deixe de enganar de forma continua", pediu finalmente Caballero, quen lembrou a Feijóo que "hai uns días" asegurou que se daría de baixa no PP se este pactase "cos extremistas". "Pois onte entraron na Mesa do Congreso, e non só gústalles que entrasen, senón que ofreceron unha coalición das tres dereitas", indicou, en alusión a Vox.

Feijóo defendeu con intensidade a Francisco Conde, "un gran conselleiro de Economía e Emprego" do que asegurou sentirse "orgulloso". No polo oposto, cargou contra o PSOE, ao que botou en cara "a súa decisión de desmantelar os estaleiros públicos de Ferrol" e o conflito do 'tax lease'. "Aínda lembro o debate co seu antecesor dicindo que os contratos de Pemex eran mentira e que tentaron boicotealos de forma constante e continua", esgrimiu, antes de remarcar que a Xunta tamén impulsou axudas para as auxiliares do naval, e de proclamar que, coa súa intervención, no seu día, logrou que "Barreiras hoxe estea vivo" porque "estaba morto".

Agora, defendeu que a Xunta está presente nas reunións nas que se analiza o futuro do estaleiro --Caballero afeoulle que non manteña un encontro co comité de empresa-- e, aínda que se trata dunha compañía "privada", reivindica un final "de equilibrio" no que non só o armador vexa "solucionado" o seu problema, senón tamén os traballadores e as auxiliares. "Eu trasladei ao ministro Borrell que o Goberno español tiña que contactar con México para coñecer o por que do cambio criterio", subliñou, antes de engadir que, no caso de Navantia e tras a última contenda electoral, confírmase que o Executivo central "deixa sen carga de traballo ata 2022" ao estaleiro público de Navantia. "E mentiron aos traballadores", apostilou.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí