CRTVG

Buscar

Feijóo defende actuar con contundencia contra a covid-19 e sen xerar alarma

Publicado o 23/10/2020 15:06

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este venres actuar con "contundencia" contra a covid-19 pero sen crear unha "alarma xeneralizada". 

Durante unha visita ao hospital da Costa en Burela, Núñez Feijóo insistiu en que está a favor de restricións tanto diúrnas como nocturnas, de mobilidade ou de distintas actividades económicas, sempre en función duns criterios homoxéneos no conxunto de España e onde a situación epidemiolóxica o requira.

"Seguimos pensando que as denominacións estado alarma e toque queda non achegan nada", destacou Núñez Feijóo, que volveu a reclamar unha lei específica de saúde para loitar contra a pandemia e que habilite a todas as autonomías a aplicar restricións de mobilidade, tanto diúrnas como nocturnas.

"Se volvemos activar outra vez o estado alarma, un toque de queda a toda a poboación, estariamos outra vez a dar unha mensaxe de que España é un dos países con peor xestión da pandemia do mundo", considerou.

O presidente galego defendeu as restricións necesarias en cada caso, aínda que advertiu de que "ás veces se crea moita alarma e actúase con pouca contundencia", cando na súa opinión o que hai que facer é ser contundente nas medidas "pero non xerar alarma xeneralizada que afecte á economía".

Sobre o Consello Interterritorial de Saúde celebrado onte, no que se acordaron algúns criterios comúns, Núñez Feijóo valorou o "acordo xenérico que pode facilitar a toma de decisións". 

En calquera caso, criticou que estes criterios homoxéneos se fixen en outubro, "en plena segunda onda", cando deberían adoptarse unha vez finalizado o estado de alarma.

Tamén asegurou que se non houbo acordo sobre o toque de queda é porque medidas así "non se improvisan", xa que impoñer un estado de alarma e un toque de queda xeneralizado é "unha decisión dunha enorme transcendencia, non só sanitaria, senón económica e social".

Durante a súa visita a Burela, ademais, anunciou a próxima licitación por 15 millóns de euros da segunda fase de ampliación e remodelación do hospital da Costa, tras a finalización da primeira fase, en que se investiron máis de 13 millóns de euros e que supuxo a ampliación dun 54% de superficie das instalacións.

Noticias web

23/10/2020