CRTVG

Buscar

Xa hai data para as eleccións: Galicia irá ás urnas o próximo 12 de xullo

Publicado o 18/05/2020 15:15

Xa hai data para as eleccións ao Parlamento de Galicia adiadas pola pandemia. Os galegos iremos votar o 12 de xullo. O presidente da Xunta convocou os comicios previa deliberación no Consello da Xunta en reunión extraordinaria.

O decreto coa convocatoria das eleccións publicarase mañá no Diario Oficial de Galicia. Os prazos de  presentación  de candidaturas, coalicións e  campaña non se alteran, son os dunha cita electoral ordinaria tal e como marca a lei

Segundo dixo o xefe do Executivo autonómico, os informes xurídicos e sanitarios acreditan que "hai menos incertezas a principios do verán".

Asegura que a celebración das eleccións "resúltame tan inoportuna como ao que máis" pero "a miña obriga é que Galicia teña un Parlamento en plenas funcións", explica, para "buscar o goberno axeitado" que xestione a situación sanitaria derivada da pandemia".

A data coincide coa das autonómicas vascas e, segundo Núñez Feijóo, a convocatoria celebrarase "con todas as garantías de seguridade sanitaria". Engadiu: "Esperamos contar coa colaboración do Goberno de España" para garantir as condicións seguras necesarias para a celebración dos comicios.

Xunta Electoral Central

O presidente da Xunta remítese ao que ditamine a Xunta Electoral Central en cuestións como a composición das mesas electorais ou o voto telemático.

Respecto da posibilidade de que as persoas vulnerables poidan ser excluídas de formar parte das mesas electorais, Núñez Feijóo dixo que "neste momento hai unha lexislación que hai que cumprir e hai determinadas cuestións que pode decidir a Xunta Electoral Central", dixo. "Se é posible excluír persoas vulnerables das mesas pola nosa parte sería positivo" engadiu, aínda que admitiu descoñecer se será posible.

No que se refire á probabilidade de que se habilite algunha fórmula para facilitar o voto telemático dixo que "estamos finalizando o informe de recomendacións e unha vez que o teñamos consultarémolo coa Xunta Electoral Central para que nos indiquen que podemos facer para garantir o voto sen medo".

Campaña na desescalada

"A campaña electoral ten que durar os 15 días que establece a lei", dixo, para engadir que en función da fase da desescalada en que estea a comunidade autónoma haberá as limitacións establecidas en canto a número máximo de persoas que poderán asistir aos actos electorais. En todo caso dixo que serán os partidos os que decidan se reducen a súa campaña. "Cada partido poderá decidir", dixo.

"Vou suxerir ao meu partido que diminúa a actividade habitual das campañas e o número de persoas que asisten aos nosos actos políticos", indicou. 

Sobre os debates televisados, dixo que é costume mantelos nos medios públicos galegos e "eu entendo que deben manterse".

Listas

Feijóo deu a entender que as listas electorais do seu partido serán as mesmas que as que concorrían ás eleccións suspendidas do 5 de abril. "Basicamente o que era bo para o 5 de abril debe seguir séndoo para o 12 de xullo", apreciou. "Esas listas de abril teñen todo o vigor para xullo", remarcou.

Non quixo opinar sobre o que farán outros partidos políticos, pero dixo agradecer a "honestidade" tanto de Ciudadanos como de En Marea, que non se manifestaron en contra de que a cita electoral fose en xullo.

A aprobación dunha emenda do PNV no Congreso para a extensión do estado de alarma que eliminaba a restrición autoimposta no decreto de suspensión electoral, a modulación do estado de urxencia sanitaria decidida o pasado venres e a consulta non vinculante cos partidos da oposición, feita o xoves, deixaron vía libre ao presidente galego para fixar a nova data das eleccións.

Durante as súas comparecencias, a pasada semana, Núñez Feijóo xa dixera que a convocatoria electoral era mellor facela "canto antes", "mellor ao principio do verán que ao final". Segundo Feijóo, non é un capricho, senón que o move o temor a un rebrote que se podería producir no outono, que se podería ver incrementado, en parte, pola chegada de turistas desde outras zonas durante o verán e que, ademais, coincidiría co final da lexislatura.