CRTVG

Buscar

Feijóo chama a superar a política de bloques "e empezar en Galicia"

Publicado o 25/02/2020 10:28

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reprochou este martes a política de bloques instalada a nivel nacional "que non conduce a ningunha parte", e comprometeuse a superala con "ilusión, ganas e vontade e empezar en Galicia".

Nun almorzo informativo, organizado por Fórum Europa, o presidente da Xunta deixou claro ante a crise do PP vasco e en presenza do seu líder nacional, Pablo Casado, que a Galicia de 2020 "non é a parcela de outrora, con siglas xustapostas e coalicións ficticias".

"A unidade non é de siglas ocas", insistiu o presidente autonómico en relación ao pacto de PP e Cs no País Vasco para as eleccións do 5 de abril.

O líder do PP galego chamou a sumarse á política que une, non á que separa, e sinalou que nas súas tres vitorias non hai ningún secreto: "Galicia ao PP ensinoullo todo".

Núñez Feijóo avogou por seguir deixando a Galicia "á marxe da lea da política nacional, que nin me gusta nin me representa" e lamentou que o Goberno da nación sexa "refén de sete partidos".

O presidente da Xunta de Galicia, na súa intervención, tamén acusou a Ciudadanos de ser "o xerme da moción de censura contra o Goberno do PP" e lembrou, ante a presenza do líder popular, Pablo Casado, que os de Inés Arrimadas cambian de opinión "demasiadas veces".

Pero a pesar deste reproche, Feijóo considerou "unha boa noticia" que o PP nestes momentos estea a falar con Cs.

Con todo, Feijóo deixou claro que non aceptará imposicións do partido de Arrimadas e se o que quere Ciudadanos é usar as siglas do PP para pasar logo ao Grupo Mixto, "iso os galegos non o entenderían, e eu tampouco". "Se o obxectivo é unir, non se pode desunir aos cinco minutos porque os galegos non nos perdoarían unha coalición que non é tal senón unha agrupación de intereses electorais", sinalou.

Feijóo lembrou que o PP ten 41 escanos en Galicia fronte a cero de  Cs. E nese contexto "de proporcionalidade, como non falar ata o final", preguntouse.

"Todos aqueles que lles interese a unidade, a moderación, o entendemento e a estabilidade debemos darnos a man e camiñar xuntos", subliñou á vez que agradeceu, que Cidadanos dixese que quere que o presidente da Xunta sexa o candidato do PP galego.

Por conseguinte, Feijóo comprometeuse a "seguir falando se se quere falar sobre isto, e as portas abertas mantéñense coa mesma intensidade do primeiro día". 

Ao mesmo tempo, Feijóo mostrouse convencido de que Vox non terá representación parlamentaria en Galicia tras as eleccións do 5 de abril, aínda que dixo que se os galegos "queren que me vaia da Xunta, poden votar a esa formación política".

Feijóo explicou que o obxectivo da formación de Abascal é que el non repita como presidente da comunidade, "e aí coinciden plenamente co nacionalismo galego, co populismo e co socialismo".

Por iso, dirixiuse a quen cre que a estabilidade política é "un activo" para Galicia e a eles propúxolles que nas próximas eleccións concentren o voto no PP.

"E creo honradamente que Vox, que non ten nin un só concelleiro en Galicia, repetirá ese resultado nas autonómicas", aseverou.