CRTVG

Buscar

Feijóo asegura preferir unhas terceiras eleccións ca un pacto entre PSOE, UP e ERC

Publicado o 29/12/2019 14:54

O presidente da Xunta fai unha diagnose da situación política actual. Ante un posible pacto entre o PSOE, Podemos e independentistas asegura preferir uns terceiros comicios... Cualifica este momento de "inestabilidade histórica no conxunto" do país.

"Entre un goberno de Podemos, o independentismo e Pedro Sánchez e unha oportunidade para que os españois volvan decidir, eu quedo coa segunda opción, novas eleccións"
O titular da Xunta cualifica as negociacións de investidura e a "estratexia de Pedro Sánchez" de "teatrillo".

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta: "Sánchez mentiunos durante seis meses e é moi duro... dixo eu volvo a outras eleccións porque non me fío de Podemos, non lle podo dar os ministerios que me pide, non pode haber dous gobernos nun, porque non durmiría tranquilo, Sánchez mentiu por tanto a toda a nación".

Núñez Feijóo insiste en que "o PP había sentar con Sánchez" para sondar un pacto de investidura" e defende que Casado está "á altura". "Ninguén pode responsabilizar o PP deste pacto do PSOE e Podemos sustentado en ERC... Claro que está á altura, se lle ten ofrecido cinco pactos de Estado".

Feijóo repróchalle a Sánchez non só o cambio de actitude con Podemos, senón tamén "que permita", segundo as súas palabras, "que España dependa do visto e prace dun preso e dun fugado", e asegura que ERC "non só condiciona" o PSOE, senón "que o fai de xeito público e notorio para que se note a humillación".

Noticias web

29/12/2019