CRTVG

Buscar

Feijóo reclámalle a Montero os 700 millóns que lle corresponden a Galicia

Publicado o 30/07/2019 20:00

Como xa fixera por carta, Feijóo aproveitou a visita da ministra de Facenda á Coruña para pedirlle en persoa un real decreto lei que permita actualizar os pagamentos pendentes ás comunidades autónomas. María Jesús Montero di que hai que esperar a que haxa goberno.

"Logramos que a avogacía do Estado permita as entregas a conta sen presuposto, que é a primeira vez se fai, pero non se pode facer cun goberno en funcións. Así que a miña primeira medida cando haxa goberno é a actualización das entregas a conta", asegurou a ministra en funcións.

A Xunta remítese ao ano 2016 para defender que un goberno en funcións, de Rajoy daquela, pode aprobar un real decreto lei. O presidente afirmou que, ademais, a ministra só lle garantiu as entregas a conta incluídos neses 700 millóns, pero non a anualidade do IVE pendente.

"Eu non lles vou explicar aos galegos que os cartos dos galegos non se poden investir en Galicia. Eses cartos son 200 millóns do IVE que xa pecharamos hai un ano. Agardo que recapacite e que non abramos un momento de tensión co Goberno de España", afirmou o presidente.

No acto do Foro Económico de Galicia en que coincidiron Feijóo afirmou diante da ministra que a Xunta non vai quedar de brazos cruzados e que vai facer o posible e imposible para presentar no Parlamento en outubro un proxecto de presupostos para o 2020.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/07/2019